SAN CIBRAO .- A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística solicita información ao Concello de Cervo sobre as obras que se realizan no castro da Atalaia. Esta solicitude xorde como consecuencia dunha denuncia presentada no mes de febreiro por Mariñaparimonio e 527 asinantes máis. A Axencia require ao Concello de Cervo para que presente no prazo de 10 días toda a documentación relativa ás licenzas de obra concedidas no Castro da Atalaia a Promociones San Ciprián.
Nota de Prensa
A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística solicita información ao Concello de Cervo sobre as obras que se realizan no Castro da Atalaia
Mariñapatrimonio, xunto con 527 asinantes máis, presentamos o pasado mes de febreiro unha denuncia perante a Dirección Xeral de Urbanismo polas licenzas concedidas polo concello de Cervo para a construción de tres edificios sobre o xacemento arqueolóxico, o Castro da Atalaia de San Cibrao. Como xa temos manifestado, consideramos que estas licenzas foron outorgadas con manifesto incumprimento da lexislación urbanística e lexislación do patrimonio, polo que requirimos a intervención da autoridade competente en materia urbanística para que se leven a cabo as accións pertinentes para repoñer a legalidade.
Como consecuencia desta denuncia, a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística dependente da Consellería de Ordenación do Territorio, require ao Concello, para que presente no prazo de 10 días toda a documentación relativa ás licenzas de obra concedidas no Castro da Atalaia a PROMOCIONES SAN CIPRIÁN,para a construción do RESIDENCIAL FARO DE SAN CIPRIAN.