Site icon Crónica3.com A Mariña

Hipocrisías abortivas

Por Emilio González Legaspi

Cando as cousas andan mal ao pobo hai que darlle pan e circo, como xa dicían os romanos. Penso que poñer en discusión a estas alturas unha nova lei do aborto pode ser unha cortina de fume para os estrategas políticos e unha ocasión para xerarquía eclesiástica de botar leña no lume. Vaia por diante que tanto o goberno coma os bispos teñen dereito a expresarse e expoñer os debates que consideren pertinentes en cada momento, pero tamén deberan de analizar as posibles consecuencias.

Non vou facer un alegado nin a favor nin en contra do aborto, por que considero que é algo que pertence á conciencia de cada quen, que socialmente pode considerarse un fracaso e persoalmente unha dilema cheo de frustracións e de angustia. Penso que o goberno o que tiña que facer é poñer os medios para que se cumprise a lei que está en vigor, porque de pouco serve facer unha nova lei que logo, por desidia administrativa e obxeccións interesadas, vai seguir sen solucionar os problemas das mulleres que se teñan que enfrontar ao trauma de interromper o embarazo.

Pola súa banda a curia episcopal debera ser un pouco menos hipócrita e mais coherente coa defensa da vida. Historicamente a súa defensa da vida dependeu dos intereses de dominio sobre territorios e persoas e ten participado en guerras, xustificado gobernos totalitarios e creado a Santa Inquisición que se adicaba a matar os xa nacidos en nome de Deus. Actualmente está gastando centos de millóns de euros para enfrontar a sociedade coa escusa de salvar os “non nacidos”, pero non manifesta o mesmo interese polas persoas vivas e “xa nacidas”. A min agostaríame que adicase o mesmo diñeiro e esforzo para defender a vida dos nenos que teñen que depender dos avances científicos para sobrevivir e que a curia critica, tanto ás familias coma aos médicos que salvan vidas. Gustaríame que investisen nos países subdesenvolvidos de África e influísen nas súas autoridades para diminuír a epidemia de SIDA, que todos os días mata centos de nenos e maiores en condicións infrahumanas, pero en troques adícanse a mentalizalos para que non usen o preservativo, que é o único método que teñen ao seu alcance para diminuír o andazo. Gustaríame que se arrepuxera coa mesma forza contra as guerras inxustas, contra a explotación de nenos en todo o mundo, contra a aniquilación de tribos enteiras por intereses puramente comerciais, pero o único que escoito é o silencio máis absoluto cando os nenos morren en Gaza, na prostitución asiática, nas minas de coltán ou nas matos de América. Gustaríame que o interese que mostran pola dignidade dos neonatos fose o mesmo para os nenos que foron humillados sexualmente dentro de institucións eclesiásticas. Gustaríame que deixasen de ser hipócritas sepulcros branqueados e os cartos desta campaña fratricida os adicaran a evitar que se produzan embarazos non desexados.

Pero xa vedes, tal como dicía o Mestre, polos seus feitos habédelos coñecer. Todos os meus respectos, admiración e apoio para a Igrexa que traballa pola dignidade dos desfavorecidos en todo o mundo. Eles tamén teñen que padecer a falta de medios derivada dos erros dos pastores.

Exit mobile version