RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo demanda axuda ao Servizo Provincial de Costas e a Patrimonio para evitar que poidan producirse novos desprendementos coma o que se rexistraba onte nas inmediacións da Atalaia. Fernando Suárez di que “ese derrubamento se produciu moi cerca das obras de construción do ascensor panorámico. Aínda que nun principio non podemos dicir que exista unha causa efecto relacionada coas obras do ascensor, está claro que ese derrubamento tivo lugar ao pé de ditas obras”.
O alcalde explica que “tendo en conta que en principio ese terreo é municipal, nós xa hoxe a primeira hora lles diriximos formalmente tanto ao Servizo Provincial de Costas coma á Comisión Territorial de Patrimonio Histórico ambos e dous escritos para que, atendendo a este perímetro de seguridade de todo o entorno do ascensor, se nos preste axuda de cara a facer un estudio en profundidade para consolidar o ribazo de forma que se poidan evitar novos desprendementos e riscos para as persoas”. Suárez Barcia sinala que “se trata dunha zona moi emblemática de Ribadeo como é o miradoiro e como vai a ser o elevador, e non pode ser un perigo porque quizais dentro dun tempo se poida volver a producir un desprendemento”.
O rexedor lembra que “xa non é a primeira vez que acontecen derrubamentos deste tipo en toda esa zona. Eu recordo que hai uns 10 anos houbo un desprendemento nas inmediacións do lugar no que agora se produciu de novo. Polo tanto quizais sexa o momento de facer un estudio en profundidade e de facer unha reparación e consolidación do ribazo para que non volva dar problemas”. Fernando Suárez confía en que “as diferentes administracións e singularmente o Ministerio de Medio Ambiente tomen conciencia desta situación e nos boten unha man”.