Site icon Crónica3.com A Mariña

Feira da Artesanía do Ferro en Riotorto coa actuación de a Quenlla

RIOTORTO .-  Riotorto acollerá o 5 de abril a III Feira da Artesanía do Ferro, que dará comenzo coa inauguración e o pregón previstos para as 12:00 da mañá. Acudirán ao acto inaugural o conselleiro de Innovación e Industria, en funcións, Fernando Blanco, e o deputado responsable da Área de Cultura da Deputación, Antonio Veiga. Despois será o pregón que pronunciará José González Vián “ferreiro en Riotorto nos seus anos mozos e que hoxe é catedrático de Termodinámica na Universidade do País Vasco”, segundo explicou o alcalde de Riotorto, Federico Gutiérrez Estoa, na presentación do evento.
O rexedor sinalou que “como nas anteriores edicións a feira contará cunha zona de exposición para os ferreiros de Riotorto e tamén cunha zona de demostracións en vivo onde se amosará o seu arte. Haberá un obradoiro infantil para que os máis novos tamén se inicien neste oficio e unha carpa onde expoñerán outros artesáns chegados de todo o país e os comerciantes e industriais de Riotorto”. Federico Gutiérrez engadía que “a xornada se prolongará ata as 8 da tarde e rematará coa actuación do grupo folk A Quenlla”.
Antes, o sábado o día estará adicado aos nenos e aos rapaces. O alcalde de Riotorto contou que “con ocasión desta feira convocamos un concurso escolar e faremos a entrega de premios ese día e teremos unha xornada no Mazo da Fraga con demostracións do funcionamento do mazo en vivo e tamén haberá un obradoiro de xoguetes tradicionais”.
Federico Gutiérrez Estoa aproveitou a ocasión para “convidar a todos os nosos veciños e aos dos concellos limítrofes da comarca de Meira, da Mariña, da provincia e de todo o país a que veñan a Riotorto e que coñezan este oficio. Riotorto é o concello co ratio máis alto de artesáns por habitante, aínda quedan 15 ferreiros en activo. É moi interesante que non se perda este oficio e con estas iniciativas tentamos que se manteña cara o futuro”.

Exit mobile version