A MARIÑA -. O Observatorio da Mariña pola Igualdade pon en marcha a iniciativa “Dalle a volta” co fin de “achegarlle o feminismo á mocidade”. A campaña comezará o venres ás doce do mediodía a súa andaina por distintos institutos de secundaria da Mariña. O lugar escollido para a presentación foi o IES San Rosendo de Mondoñedo, cumprindo tamén o obxectivo do Observatorio de chegar coas súas propostas a prol da igualdade a todos os recantos da Mariña.
Nota de Prensa
O Observatorio da Mariña pola Igualdade inicia a campaña “Dálle a volta” polos institutos da comarca para achegarlle o feminismo á mocidade
A presentación será este venres 13 de marzo, ás 12 do mediodía, no IES San Rosendo de Mondoñedo
A campaña “Dálle a volta” comezará este venres ás 12 do mediodía a súa andaina por distintos institutos de secundaria da Mariña. O lugar escollido para a presentación foi o IES San Rosendo de Mondoñedo, cumprindo tamén o obxectivo do Observatorio de chegar coas súas propostas a prol da igualdade a todos os recantos da Mariña. A iniciativa está promovida polo Observatorio da Mariña Pola Igualdade, e financiada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.
“Dálle a volta” é unha campaña que busca chamar a atención das mozas e mozos sobre como os roles de xénero estabelecidos para mulleres e homes limitan as súas opcións vitais, reservando uns papeis para as mulleres e outros para os homes. Así, traballando cuns dípticos que teñen por lema “Dálle a volta ao modelo estándar” e “Deixa de ser como a sociedade che di que tes que ser”, búscase achegar o feminismo ás mozas e mozos, presentándoo como unha alternativa de liberdade para mulleres e homes que permite transformar a sociedade machista para camiñar cara a unha igualdade de xénero na que todas e todos poidamos desenvolvernos coas mesmas oportunidades independentemente do noso sexo.
Segundo explica a responsábel da campaña, Carolina García Chico, a iniciativa tamén busca “empezar a introducir o concepto de feminismo e a necesidade do seu uso”. Neste sentido, cremos fundamental rachar cos falsos mitos arredor do feminismo (sobre todo coa falacia amplamente extendida que iguala o feminismo coa superioridade das mulleres), así como contribuír ao seu recoñecemento, xa que grazas ao labor dos feminismos nos últimos tres séculos as mulleres podemos acceder a esferas da vida política e social que antes nos permanecían vedadas”.
A iniciativa está enfocada ao traballo coa mocidade, aínda que tamén se complementa con traballo co profesorado dos centros. Por unha banda, traballarase coa mocidade mediante a entrega e traballo crítico sobre uns dípticos de sensibilización, o reparto duns adhesivos co lema “Eu tamén son feminista”, e a difusión doutro tipo de material informativo sobre o Observatorio da Mariña pola Igualdade. Deste xeito búscanse conseguir os obxectivos de fomentar na mocidade a reflexión sobre os modelos sociais establecidos (como ser muller ou ser home). Pola outra, traballarase co profesorado dos centros mediante a entrega dunha enquisa para medir o grao de valoración sobre o principio de coeducación e de igualdade de oportunidades no ámbito escolar.
En suma, a campaña persegue a sensibilización social e a autocrítica sobre os roles e estereotipos de xénero, o acercamento do Observatorio da Mariña pola Igualdade á sociedade e ás institucións educativas, así como medir e avaliar o grao de implicación dos centros educativos nun aspecto tan importante como é o principio de coeducación nas escolas.
Próximas accións
Ademais da súa presentación este venres no IES San Rosendo, a campaña levarase a outros centros de secundaria da Mariña durante este curso escolar. Malia que neste momento aínda non están concretadas as datas exactas, a campaña está a ter unha excelente acollida en todos os centros contactados, o que á súa vez demostra a grande demanda que o profesorado da nosa comarca ten sobre este tipo de iniciativas que contribúan á reflexión crítica sobre os papeis de xénero.
Alén disto, a difusión dos dípticos da campaña “Dálle a volta” estase a realizar tamén noutros organismos de atención á xuventude como son os centros de Información Xuvenil e o Centro Quérote situado no Concello de Burela.