RIBADEO .- (FNC) Técnicos da empresa que realizou as obras de construción da A-8 ao seu paso por Ribadeo visitaron nas últimas horas o concello xunto con persoal que traballa para o Ministerio de Fomento “para ver unha vez máis todos os desperfectos que esas obras lles ocasionaron aos veciños e que seguen pendentes de arranxo”, explica o alcalde, Fernando Suárez.
O rexedor asegura que “se comprometeron a que cando o tempo mellore resolverán de maneira definitiva toda esa problemática. Eu son escéptico polo trato que a empresa FCC e o propio Ministerio de Fomento lle deron a Ribadeo, de aí que hai poucos días publicamente tiven que manifestar que Fomento tiña un desapego enorme para Ribadeo. Quizais por esas manifestacións dun certo calibre groso o propio ministerio se dignou a vir aquí a pé de obra para ver todos eses desperfectos que lle fixemos chegar por escrito en varias ocasións”.
Fernando Suárez agarda que “a vindeira vez que eu teña que falar nos medios de comunicación sexa para verificar e para dicir que todo o que en xustiza Ribadeo debe ser resarcido por estes desperfectos foi realmente así. Confío en que iso sexa así e confío en non volver ter que dirixirme a Fomento neste tono que a min tampouco me gusta, pero como alcalde de Ribadeo debo defender os intereses dos veciños e das veciñas, os intereses dos afectados e que despois de practicamente dous anos desde que a autovía se rematou aínda a día de hoxe estas cousas estiveran sen amañar. Espero que o Ministerio de Fomento execute de maneira inmediata as obras pendentes”.
O alcalde ribadense lembrou que “quedaron varios camiños de monte cortados con respecto aos encontros con camiños de servizo da A-8 e tamén se produciron varios problemas de pluviais e de fecais na rotonda de Vilaselán, entre outras”.