Site icon Crónica3.com A Mariña

Comerciantes de Xove co apoio do Concello retoman a ACIA, inactiva desde 1995

XOVE .- Comerciantes de Xove acordaron votar a andar de novo a Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos do Municipio de Xove, ACIA, que permanecía inactiva desde o ano 1995. A decisión tomouse nunha xuntanza que mantiveron os interesados o pasado día 10 no salón de actos do Concello e o luns, día 16, xuntaranse de novo para potenciar a iniciativa.

NOTA DE PRENSA.-

O Concello de Xove considera de importancia o fenómeno do asociacionismo e é consciente das vantaxes que supón no ámbito da empresa.

Despois de coñecer as inquietudes dalgún comerciante a cerca de crear unha agrupación do sector e ante a súa petición de convocar unha xuntanza na que as distintas empresas puideran ter un punto de encontro, ofrecemos a nosa axuda na xestión dunha convocatoria que tivo lugar o pasado 10 de marzo de 2008 ás 20:30 horas no Salón de Actos.

Nesa reunión acordouse reavivar a xa existente Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos do Municipio de Xove, creada en 1991 e sen actividade desde 1995.

En colaboración coa súa Presidencia en funcións, o Concello convoca a unha nova reunión informativa que se celebrará no Salón de Actos o próximo luns día 16 de marzo ás 20:30 H. Esta nova xuntanza contará coa presenza do Alcalde de Xove don José Demetrio Salgueiro Rapa, o Tenente de Alcalde e delegado de Comercio don José Manuel González Álvarez, o Presidente en funcións da ACIAM de Xove don Antonio Alonso Pita, a Presidenta da ACIA de San Ciprián  dona Ana Isabel San Eloy Vigil e a Axente de Emprego e Desenvolvemento Local de Xove dona Rosa Lage Canoura, para tratar os seguintes temas:

-Información sobre unha asociación de empresarios/as (vantaxes e funcionamento).

-Actividades a desenvolver desde unha asociación.

-Funcións da Xunta Directiva dunha asociación deste tipo.

-Solicitude de alta e/ou baixa na Asociación de  Comerciantes, Industriais e Autónomos do Municipio de Xove.

A esta xuntanza están convocadas 156 empresas que, ou formaban parte da ACIAM, ou figuran no Padrón de IAE con actividades que se consideraron apropiadas para formar parte da Asociación.

As novas persoas socias que saian desta reunión e o resto de socios e socias da ACIAM de Xove,  celebrarán a continuación unha Asamblea Xeral Extraordinaria, baixo a seguinte orde do día:

PRIMEIRO.- Lectura dos estatutos da ACIAM de Xove.

SEGUNDO.- Actualización de asociados e asociadas con altas e baixas pertinentes.

TERCEIRO.- Establecemento da normativa que regulará o proceso electoral da nova Xunta Directiva.

CUARTO.- Presentación de candidaturas para a elección de Presidente/a, Vicepresidente/a, Secretario/a e Tesoureiro/a e unha persoa vocal como mínimo, procedéndose na mesma sesión á votación, elección e toma de posesión dos mesmos.

QUINTO.- Cotas a establecer aos asociados.

SEXTO.- Calquera outro tema de interese.

SÉTIMO.- Rogos e preguntas.

Exit mobile version