CERVO.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e o concelleiro de Turismo, Antonio Basanta, reuníronse onte pola tarde na Casa da Cultura cos hostaleiros da vila de San Ciprián para ultimar os detalles do programa de actividades que terán lugar o vindeiro sábado con motivo da celebración da XVIII Festa do Ourizo.
Segundo indicaron os responsables municipais o encontro serviu para presentarlles aos hostaleiros o cartel da presente edición e para pechar o contido do programa oficial da festa, “á vez que unificamos certos detalles de organización coma o establecemento dos prezos nas especialidades tradicionais” sinalaron. Deste xeito, os prezos para as especialidades en crú e cocido quedou establecido en 4,5 euros.
A xuntanza tamén serviu para ir apuntando posibles iniciativas de cara á vindeira edición. “O obxectivo é ir mellorando ano a ano e por iso non podemos desaproveitar o tempo se queremos realzar esta festa declarada dende hai un ano de interese turístico galego” lembrou Antonio Basanta. Pola súa banda, o alcalde, Alfonso Villares salientou que tanto para o Concello coma para o sector hostaleiro a consecución do galardón de festa de interese turístico “é un acicate máis para seguir traballando a prol desta celebración de xeito conxunto; xa non só coa hostalería; senón tamén có resto de entidades e sectores da vila” asegurou.