CERVO .- Operarios da brigada de obras do Concello de Cervo están a desenvolver actuacións de reparación e mantemento nas beirarrúas da Urbanización Rio Cobo. A concelleira Chelo Gallego explicou que estes traballos teñen por obxecto amañar os estragos que a caída de árbores provocaron nestas instalacións tras o paso do temporal Klaus, así como tamén corrixir o deterioro que presentan algunha destas beirarrúas polo paso do tempo.
Ao longo desta semana están a prolongarse estes traballos despois de que foran retiradas a totalidade das árbores que caeron sobre os espazos de paseo. Esta operación foi desenvolvida xa no seu momento polos propietarios das fincas forestais colindantes así como tamén polos propios operarios municipais nas zonas verdes de titularidade pública.
A urbanización Rio Cobo dispón de preto de tres quilómetros de beirarrúas que dan servizo a máis de catrocentos veciños e residentes. Estas labores de reparación e mantemento dos espazos urbanos desenvolvidas polo Concello de Cervo complementan ás de modernización do alumeado público e xardinería que se levaron a cabo nos pasados meses.
Tamén está previsto que, nos vindeiros días comecen as operacións de retirada do tellado danado polo Klaus nos aparcadoiros de Vía Láctea. Operarios municipais procederon ao balado do perímetro no que realizaran dito traballo. As fortes rachas de vento pregaron parte da chapa metálica que sirve de cobertura aos vehículos dos residentes.