BURELA (FNC) .- O Concello de Burela, segue a desenvolver políticas encamiñadas a favorecer a vertebración do comercio urbano, así dende a Delegación de Industria, Comercio e Turismo da que e responsable José González Legazpi, vense de dar contido e trámite a un novo proxecto ao amparo do Plan de Renovación do Comercio Galego da Consellería de Innovación e Industria. Dentro da liña denominada Urbancomer para a vertebración do comercio urbano o Concello de Burela, como xa ten feito o pasado ano nas rúas Marqués de Sargadelos e Ramón Farré, ven de dar traslado dunha solicitude de subvención para un novo proxecto a executar dende novembro do presente ano 2009 ata abril de 2010.
Este proxecto consistirá, segundo explica González Legazpi “na mellora do alumeado público e dotación de mobiliario urbano nas rúas Rosalía de Castro e Pardo Bazán do noso Concello de Burela, dando continuidade deste xeito por parte do Concello á promoción, adecuación e mellora dos equipamentos comerciais de uso colectivo nas áreas que polo seu carácter de alta capacidade residencial están a xerar a implantación de actividades comerciais. No caso concreto destas dúas rúas hai que dicir que contan cun asentamento de mais de 60 establecementos de pequeno comercio”. As obras a executar serán a substitución de farolas, dotación de mobiliario urbano e construción de aseos públicos no parque, cun orzamento total de 210.459 € en dúas anualidades.
Este novo proxecto xunto cos xa desenvolvidos “favorecerá as condicións necesarias dos contornos comerciais polo que sin dúbida representara tamén unha importante valorización do asentamento e desenvolvemento económico do tecido empresarial e comercial de Burela” segue a contar o responsable de Comercio no Concello.