BURELA .- (FNC) O Concello de Burela ven de asinar o segundo convenio de colaboración coa Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia para o proxecto da Rede de Dinamización da Sociedade da Información. A edil nacionalista, Neves Cando, sinala que “se trata dunha iniciativa da Consellería de Innovación e Industria que despois de ter funcionado e moi positivamente o ano pasado por primeira vez en Burela renovamos neste 2009 para continuar cos obxectivos que se prantexan como son promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación facendo especial fincapé nos colectivos nos que a fenda dixital se fai máis evidente. Ten como obxectivos tamén integrar ao colectivo de inmigrantes nesta Sociedade da Información e en xeral promover o uso dos ordenadores como instrumento de traballo, de comunicación e de lecer”.
A concelleira de Benestar Social fai balance do traballo realizado durante o ano 2008 cando se implantou esta rede en Burela nunha aula específica e aberta ao público na Casa da Xuventude. Cando explica que “se levaron a cabo 76 obradoiros con 408 persoas participantes nestes e aparte máis de 250 persoas se achegaron a esta aula para empregar os seus equipos e integrarse nesta rede. A maior afluencia de usuarios e de usuarias ao centro é de persoas que van dos 35 aos 64 anos e que queren realizar os obradoiros de alfabetización dixital, por certo que a maioría son mulleres o 57% e dentro deste grupo comenza haber unha tímida afluencia que agardamos incrementar este ano de persoas inmigrantes sobre todo caboverdianas e peruanas que queren integrarse na Sociedade da Información. E outro grupo importante que acude a este centro é o da mocidade que non dispón destes recursos tecnolóxicos na súa casa”.
Os obradoiros feitos no 2008 versaron sobre a iniciación á informática, internet, creación dunha conta de correo electrónico, ferramentas de Google, blogs, a mensaxería instantánea, procesadores de textos, etc, etc… E outras iniciativas que se levaron adiante “eu destacaría dúas que foron o campionato de trivial galego na rede que se desenvolvou o día das Letras Galegas e no que participaron 29 persoas e un curso para asociacións no que se trataba de crear un blog para o uso destas e no que participaron 11 persoas”, segue a relatar a concelleira de Benestar Social.
Neves Cando engade que “agora renovamos este convenio de colaboración para seguir desenvolvendo todas estas actividades e este ano como novidade contaremos con máis material informático cedido temporalmente pola Rede de Dinamización para poder ampliar esta oferta de actividades e de usuarios aos que chegar con este servizo. Para finais deste mes contaremos con 9 equipos informáticos máis, 5 webcam, un ordenador portátil, dúas impresoras, un proxector e unha cámara dixital para seguir desenvolvendo as actividades na nosa aula da Casa da Xuventude, onde o dinamizador e as persoas que alí traballan continúan deseñando e organizando todas estas actividades.