Nota de Prensa
O BNG RECLÁMALLE AO PP MENOS DEMAGOXIA E MAIS SOLUCIÓNS PARA A ESCOLA INFANTIL DE CERVO
O P.A.I de San Cibrao foi promovido polo BNG en xuño do 2001 saíndo adiante co apoio da oposición a pesar dos votos en contra do Partido Popular que gobernaba en minoría.
Nenos e nenas de Cervo matricúlanse en concellos veciños pola notábel mellora no servizo sen mirar si son galescolas ou “ppescolas”.
Cervo, 26 de marzo de 2009. O BNG mantén que o curso 2008/2009 do P.A.I. de San Cibrao foi financiado en exclusiva por areas de goberno nacionalistas e que o PP no lugar de aproveitar ese financiamento por outras administracións, non aproveitou para melloralo con recursos propios aumentando o seu horario de apertura ou ofertando servizo de comedor e transporte como si fai con outros centros do concello. O feito de que nenos e nenas de Cervo prefiran matricularse en concellos veciños pola substancial mellora do servizo, debería facer reflexionar ao PP e non caer en debates absurdos sobre si a escola infantil se chama “galescola” ou “ppescola”.
FOI O BNG E A OPOSICIÓN CERVENSE QUENES FORZARON AO PP NO 2002 A SOLICITAR Á XUNTA UNHA GARDERÍA EN SAN CIBRAO.
En xuño de 2001 o BNG presentaba unha moción instando ao goberno municipal do PP, en aquel momento en minoría, a que solicitara da Xunta de Galiza a dotación dun servizo de gardería en San Cibrao. Faciámolo cun argumento de peso, a de Burela estaba saturada e a proximidade xeográfica con Xove ademais da inexistencia nos dous concellos de centros deste tipo sumado a datos positivos en natalidade nos dous concellos daba viabilidade a unha gardería para solucionar o problema de moitas familias para compatibilizar a vida familiar e laboral. O PP non quixo apoiar esta proposta co único argumento de non compartila con Xove, mais viuse forzado a facer xestións coa Xunta e o que debería ser unha gardería pasou a ser o P.A.I de San Cibrao un ano e medio despois.
Á XENTE NON LLE INTERESAN CONTROVERSIAS ESTÉRILES SOBRE DENOMINACIONS O QUE QUERE SON SERVIZOS DE CALIDADE QUE ATENDAN AS SUAS NECESIDADES
O BNG non quere entrar en controversias políticas sobre a denominación das escolas infantís ou os seus contidos didácticos, en todo caso o galego é a lingua deste país e as administracións teñen a obriga de defendela non ocultala ou eliminala como semella pretenden algúns, o BNG o que quere é que o PP dea resposta á demanda dun servizo que cando menos sexa comparábel ao ofertado nos concellos veciños polo que nenos e nenas de Cervo intentan, se poden, matricularse alí aínda tendo que afrontar gastos e desprazamentos. Isto é o que o goberno municipal debe solucionar agora, non derivar os tiros ou falar de denominacións e financiamento que á xente impórtanlle ben pouco. Si durante tres anos e medio o PP tratou de boicotear a oferta e o modelo ofertado polo BNG na administración galega que estaba disposto a por en marcha o servizo requirido, damos por feito que agora o PP cun goberno autonómico da mesma cor política vai poñer solucións aos problemas e isto é o reclamamos.