CERVO .- As localidades de Cervo –capital-, Sargadelos, A Senra, Rúa e San Román vivirán por anticipado o apagón analóxico pois adiántase o cambio na tecnoloxía empregada para recibir a sinal de televisión. Así o informou o Concello de Cervo quen explicou que entre o vindeiro martes 10 e o mércores 11 de marzo o repetidor situado no monte de San Román, deixará de emitir as distintas canles televisivas analóxicas para ofrecer en exclusiva a variada oferta de televisión dixital terrestre (TDT).
VARIADA OFERTA DE CANLES CON MAIOR CALIDADE
Os veciños destas localidades terán a oportunidade de recibir máis dunha trintena de canles de televisión e radio con calidade dixital –moi superior á analóxica- que inclúen, ademais das televisión xeneralistas habituais, novas canles musicais, infantís, informativas e deportivas, de ocio e ficción e específicas para a xuventude ou para os amantes das series nacionais ou internacionais. Tamén poderán recibir nos seus televisores varias emisoras de radio e a programación actualizada desta multitude de novas canles. A emisión en probas desta tecnoloxía dixital comezará xa o próximo luns 9 de febreiro polo que é previsible que se produzan –segundo indican os técnicos- cortes intermitentes nas canles analóxicas.
TELEVISIÓN DE GALICIA
Dentro do amplo e variado paquete de novas emisoras tamén recibirán a Televisión de Galicia (TVG) que ata o momento tan só pode verse na súa versión analóxica no resto do municipio.
ADAPTARSE A TDT
Para recibir esta variada programación televisiva e de radio dixital é preciso contar cun televisor que conteña esta variada tecnoloxía ou ben dispoñer dun decodificador TDT. Nalgúns casos as comunidades de veciños deberán adaptar a súa antena á nova tecnoloxía. A Televisión Dixital Terrestre proporciona unha notable mellora na calidade de son e imaxe, permitindo tamén a alta definición.
APAGÓN ANALÓXICO
O apagón analóxico é o nome co que se coñece o cese das emisións analóxicas dos operadores de televisión. No conxunto da Comunidade Autónoma e no resto do concello este apagón debe ser unha realidade en 2010, data na que a TDT acadará todos os televisores de Galicia. Ademais das vantaxes expostas con anterioridade, con fin de sinais analóxicas procederase a liberar ancho de banda que poderán ser empregado para mellorar outras tecnoloxías como é o caso de internet ou o Wi-Fi, etc.