Site icon Crónica3.com A Mariña

Convocada a XIV edición do certame de arte Galería Burela

BURELA (FNC) .- Desde o luns 16 de marzo e ata finais de mes está aberto o prazo para presentar obras á décimo cuarta edición do certame de arte Galería Burela que organiza a Delegación de Cultura deste Concello.

A edil nacionalista, Neves Cando, sinala que “os artistas galegos que o desexen poderán presentar as súas obras orixinais nas dúas modalidades deste certame, pintura e escultura, sendo admitidas todas as técnicas, tendencias, procedementos e correntes estéticas. Terán que presentalas nas dependencias da Biblioteca Pública de Burela acompañando a obra dun dossier fotográfico e dunha breve biografía do autor ou autora”. A concelleira de cultura engade que “as obras recibidas serán expostas ao público durante todo o mes de abril na sala de arte da Casa da Cultura e a entrega dos premios aos gañadores será o venres 24 de abril nun acto público”.

Os premios establecidos para cada categoría, pintura e escultura, son: 1.800 euros e diploma para o primeiro, 1.200 euros e diploma para o segundo e diploma e figura representativa do certame para o terceiro premio. Neves Cando di que “agardamos desde a Delegación de Cultura de Burela que a participación nesta 14 edición sexa igual ou máis importante que na pasada onde máis de 30 artistas presentaron as súas obras a este certame de arte do noso Concello”.

Exit mobile version