Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta recuperará o Conxunto Histórico de Sargadelos danado polo Klaus

CERVO .- O secretario xeral da Consellería da Presidencia, púxose en contacto co alcalde de Cervo para informalo que o seu departamento acordara financiar o custe do acondicionamento do espazo natural de Sargadelos, despois dos danos sufridos polo ciclón Klaus. As achegas ascenden a 29.399.72 euros.
NOTA DE PRENSA

A reclamación efectuada a pasada semana polo Alcalde de Cervo, Alfonso Villares, despois de que a Xunta de Galicia non teña reparado, tal e como se comprometeu, os múltiples danos que o temporal Klaus causou no conxunto histórico artístico de Sargadelos deu xa os seus primeiros froitos. O secretario xeral da Consellería de Presidencia, Santiago Roura, púxose en contacto co rexedor municipal para informarlle que o este departamento autonómico financiará o custe do acondicionamento do espazo natural que ascende a 29.399,72 euros. A fórmula escollida para elo será a sinatura dun convenio polo que a administración autonómica comprométese ao pago do total do gasto previsto e o Concello de Cervo asume os trámites administrativos de licitación e adxudicación dos traballos, así como a solicitude das autorizacións que se consideren convenientes.
ÁREA DE RECREO E SENDEIROS FORESTAIS

Segundo describe o proxecto elaborado pola empresa TRAGSATEC na zona recreativa e de ocio contigua aos restos arqueolóxicos dos altos fornos realizarase a reposición dos elementos danados (mesas, bancos e papeleiras), a reconstrución do muro de mampostería e, finalmente unha substitución total do valado de madeira existente. Tamén alí procederase a unha prantación de arborado autóctono de certo porte (érbedos, carballos, castiñeiros) para substituír ás árbores caídas e eliminadas.
Por toda a área dos sendeiros que percorren o conxunto histórico artístico, trazando un itinerario forestal, executarase un desbroce en ambas as dúas marxes de metro e medio de ancho a partir das beiras do camiño, incluído os espazos de descanso. Contémplase tamén, como actuación complementaria ao arranxo dos danos causados polo temporal, a eliminación selectiva de brotes de individuos de especies invasoras (principalmente acacias) ademais da resposición dalgunha das árbores autóctonas.
Neste mesmo lugar tamén é preciso recuperar os escalóns con pavimento de zahorra e a súa consolidación cun tratamento rugoso, que minimice o risco de esvaramento. Previuse tamén a limpeza da canle do río Xunco en toda a súa lonxitude.
PRAZO DE EXECUCIÓN 2 MESES
O prazo de execución dos traballos é de dous meses a contar desde a data na que se dispoñan das autorizacións pertinentes e se proceda á adxudicación dos traballos. O Goberno municipal solicitará permiso para efectuar estes traballos á Dirección Xeral de Patrimonio e ao Ente Público Augas de Galicia, tal e como esixe a lexislación vixente. En todo caso esperan que todos estes trámites poidan realizarse de xeito urxente, tendo en conta a importancia de amañar os estragos que aínda permanecen neste espazo de importancia histórica, turística e natural.

Exit mobile version