BURELA .- A teniente de alcalde, Neves Cando, acusa ao PP de mentir sobre a situación económica do Concello de Burela. Cando sinala que “asistimos unha vez máis, como ven sendo habitual, ás mascaradas de mentiras e ocultación da verdade que o grupo da oposición ten como liña de traballo desde que non asumiu que os veciños e veciñas de Burela xa non quixeron que seguise gobernando o noso pobo”.
A edil nacionalista segue a relatar que “onte no tema no que centraron as súas demagoxias políticas foi na liquidación do orzamento de 2008. E unha de dous, ou o PP non sabe ler os papeis porque non entende de números ou o caso é falar, mentir e confundir á xente, porque é mentira, e así o din os papeis, que o Concello de Burela teña unha débeda de 1.800.000 euros como eles decían. As contas están claras, no 2008 o Concello acabou o exercizo cun remanente de tesorería de máis de 900.000 euros, é dicir máis de 150 millóns das antigas pesetas en positivo e non en negativo”.
Neves Cando engade que “eso é así non porque o digamos nós, é porque o din as contas e o din os papeis. O Sr.González Barcia que tantos anos foi concelleiro de Economía e Facenda debería entender algo de números e non mentir e alarmar á xente dicindo que o Concello está mal económicamente, porque iso é o que é unha mentira. E senón que lea o informe de Intervención que acompaña estas contas e que di que a situación financieira do Concello de Burela é boa xa que a suma do que temos pendente de cobrar e os fondos que hai nos bancos é maior que o que temos pendente de pagar. A cousa é así de clara e quen non o queira ver é que non lle interesa para nada Burela e só quere medrar políticamente a conta de mentir aos veciños”.
A teniente de alcalde Burela lembra que durante o 2008 “acometéronse obras e proxectos que todo o mundo ve e pode apreciar: a mellora das rúas Ramón Farré e Marqués de Sargadelos, a mellora das aceras das Casas Baratas, a mellora do servizo e da calidade educativa na galescola, os obradoiros de emprego que se desenvolveron no Centro de Formación Ocupacional, o acondicionamento dun local social para o lecer da xente maior, a ampliación do servizo de axuda no fogar, as melloras nas instalacións deportivas, culturais e xuvenís e un longo etcétera de actuacións que supuxeron un grande esforzo económico para o Concello de Burela, sí é certo, pero a 31 de decembro e pese ao PP e ás súas mentiras, temos unha boa situación económica”.