Site icon Crónica3.com A Mariña

A ruta das cetáreas será unha referencia turística para Ribadeo

RIBADEO (FNC) .- Desde hoxe está en exposición pública o proxecto de construcción da ruta das cetáreas entre Rinlo e A Devesa. O alcalde, Fernando Suárez, pensa que “é un dos proxectos máis ambiciosos, máis importantes, máis custosos e máis beneficiosos para Ribadeo, pero sobre todo para o núcleo Urbano de Rinlo e tamén para A Devesa”. A inversión ascenderá a 3,7 millóns de euros.

O rexedor ribadense engade que “este proxecto busca dous obxectivos fundamentais: o etnográfico e o turístico. O etnográfico centrado en aspectos como a recuperación de muros, de edificacións de interese… a creación de acuarios para a divulgación e interpretación de animais e plantas mariñas. Hai que ter en conta que a recuperación ambiental de toda esta zona suporá que se actúe sobre unha superficie aproximada de 90.000 metros cadrados. A vía costeira que une as tres cetáreas vaise converter nun camiño peonil e de paseo e un anterior paralelo froito da concentración parcelaria será obxecto dunha actuación con aglomerado asfáltico. Ademais vanse prever aparcamentos en cantidade suficiente para poder albergar todo o turismo que chegará á zona”. Fernando Suárez di que “chegará turismo educativo procedente de colexios e institutos que poderán vir ver esta riqueza etnográfica que tivemos esquecida e virá tamén o turismo familiar que poderá practicar un recurso que se está a poñer moi de moda que a pesca sen morte, é dicir, a pesca nunhas condicións de tranquilidade que permitan aos nenos sen perigo poder pescar peixe e despois botalo de novo á auga nas cetáreas”.

Suárez Barcia di que “agora con esta exposición pública os veciños ou quen o queira ver poderá estudar o proxecto e alegar. Pero entendemos que este proxecto vai ser fundamental para unha recuperación económica de Rinlo desde o punto de vista do turismo e desde logo creo que si isto se consolida ben haberá varias referencias, a Casa dos Peixes na Coruña, pero tamén será de renome a ruta das cetáreas de Ribadeo. Suliño que nunha delas, na terceira onde había unhas naves de hai 40 anos vanse facer uns acuarios onde se poidan poñer plantas mariñas e diferentes especies de crustáceos do Cantábrico”.

O alcalde considera que “esta ruta será unha referencia turística de primeiro nivel. Estou confiado en que todo o traballo que levamos feito con moita discreción desde hai ano e medio entre o Concello e Costas, eu creo que se consolidará. Cando acabe esta exposición pública procederase á súa adxudicación e agardo que nun período de tempo razoable poidan estar en construción e ter listo isto para Ribadeo canto antes”.

Exit mobile version