Liga de Maiores.- A falta da última tirada de Sumoas moi poucas cousas cambiaron na cabeza. José Rafael González só foi capaz de recortarlle 1 punto ao líder, estando actualmente a 8 puntos de distancia; na última tirada de Sumoas todo pode ser posible, pero en condicións normais vai ser moi difícil sacarlle a Arturo Vigo o liderado, dado que inda que José Rafael gañara e fixera a mellor bolada poríase con 152 puntos, co cal a Arturo chegaríalle con ser 5º. Realmente pódense dar moitas combinacións e ata o final hai que esperar, dado que non é a primeira vez que salta a sorpresa na última tirada. A terceira posición final vai ser definitivamente para Ginés Rodríguez, quen xa non pode alcanzar aos de cabeza e non pode ser alcanzado polos que veñen detrás. Os magníficos resultados acadados por César Cancelos nas dúas últimas tiradas permítenlle desprazar da cuarta posición a Luis Rancaño, quen pasa ao quinto posto, seguido de Augusto Albo.
En canto á mellor bolada, ata o momento José Rafael (15 de novembro na Vara) e Carlos Javier Rodríguez (7 de marzo en Vilachá) comparten con 98 tantos este posto, polo que en Sumoas se non se supera este tanteo terán que desempatar.
Recordamos que os trofeos aos tres primeiros clasificados e mellor bolada de cada categoría (Sub 18 e Liga de Maiores) son doados, xa dende hai moitos anos, pola empresa AUTOESCUELA MUNDIAL, a quen a organización quere agradecerlle esta colaboración con este deporte tradicional tan noso.
Liga Sub 18.- Xa temos CAMPIÓN, e loxicamente non é outro que ANDRÉS RODRÍGUEZ RAMOS, quen se proclamou oficialmente o sábado 14 de marzo en Morás. Repite polo tanto e acada brillantemente o seu segundo entorchado. Estamos a falar, e disto non nos queda ningunha dúbida, dunha das grandes promesas de futuro deste deporte na Liga Senior. Se sigue con esta progresión, Andrés está predestinado a superar os logros do seu pai, que non é outro que Ginés Rodríguez, o terceiro clasificado da Liga de Maiores. Felicidades polo tanto a Andrés. Temos tamén segundo clasificado, JOSÉ VIGO LAGE, que repite entorchado igualando o subcampionato da pasada temporada; O mesmo que Andrés, estamos tamén a falar dun xogador cunha gran proxección de futuro, seguindo os pasos do seu pai que non é outro que Arturo Vigo. En canto á terceira posición temos importantes novidades, dado que os excelentes resultados acadados por Cristian Rodríguez nas dúas ultimas tiradas permítenlle igualar a puntos con Adrián Bouso, polo que se terán que xogar esa terceira posición final na tirada de Sumoas.
REMATE DA XXª TIRADA (VIIIª LIGA SUB 18) DE BOLOS CONCELLO DE XOVE
SÁBADO, 21 DE MARZO.- CENTRO SOCIAL DE SUMOAS. REMATE DA XXª TIRADA DE BOLOS COA ENTREGA DE PREMIOS E TROFEOS.