O BNG MANTÉN HOXE UN ENCONTRO COS PRODUCTORES DE MADEIRA DA MARIÑA PARA ANALIZAR AS REPERCUSIÓNS QUE O TEMPORAL ESTÁ A TER NOS PREZOS. OS NACIONALISTAS NON PERMITIRÁN QUE SE PRODUZAN ESPECULACIÓNS Á BAIXA.
A Mariña, 4 de febreiro de 2009. Os candidatos mariñanos do BNG e o delegado de Medio Rural, Emilio López, manterán esta tarde un encontro a partires das 20:30 horas no salón de plenos do Concello de Burela coas asociacións de productores da madeira desta comarca (PROMAGAL). Segundo Manuel Parga “o obxectivo do encontro é explicitar as medidas que como BNG, a través da Consellería de Medio Rural, estamos poñendo en marcha en relación coa política forestal. Tamén falaremos das liñas de axudas que onte mesmo sairon publicadas no DOG para facer fronte aos danos causados polo último temporal”.
O nº 3 da lista do BNG pola provincia de Lugo engade que “unha cuestión na que imos incidir esta tarde é que as brigadas de SEAGA (a empresa pública de servizos agrarios) teñen á súa disposición todos os seus efectivos para axudar a limpar as pistas forestais e todos os camiños para que queden libres”. No Bloque Nacionalista Galego son conscentes “da situación que todo isto pode provocar no prezo da madeira que pode caer e nós ímonos comprometer a poñer en marcha as medidas necesarias desde os órganos de goberno da Administración galega para que o impacto e o abaratamento, que xa somos conscientes que se está a ofrecer aos productores da madeira, non suceda e para que haxa un control efectivo sobre esa caída dos prezos e que non repercuta negativamente en ditos productores”.
Manuel Parga di que “non se poden consentir baixo ningún concepto especulacións á baixa. Xa son suficientes os repercusións negativas que se producen nas explotacións forestais para que se poidan aproveitar desta situación poñendo prezos tirados que nin siquera cubren os custes de sacar a madeira do monte”. No encontro desta tarde o BNG expoñerá tamén “as iniciativas do ámbito forestal que levamos adiante sempre en colaboración coas asociacións de productores que deben ser aliadas para facer do monte un recurso sostible, un recurso que teña os rendementos axeitados e ao mesmo tempo que contribúa ao desenvolvemento e á ordenación do noso monte”.