XOVE.- Nunha tarde fresca e con vento do nordés; o campo seco, duro, imposibilitou grandes marcadores e non se produciron grandes cambios nas clasificacións.
Liga de Maiores.- A catro tiradas para o final os líderes non afrouxan, e cada un trata de defender o seu posto o mellor posible. Vitoria de José Rafael González que lle permite recortar 2 puntos ao líder, Arturo Vigo, quen conseguiu aguantar o tirón de José Rafael; cada vez parece máis claro que Arturo e José Rafael van xogar entre eles o campionato, sendo a distancia entre eles pequena cando quedan por disputar un máximo de 52 puntos. O terceiro clasificado, Ginés Rodríguez, en teoría podería alcanzalos, pero claro, para iso tería que puntuar Ginés e os outros non, cousa que neste intre non parece moi factible a tenor do que estamos vendo; a motivación e a loita entre os dous primeiros fai que non afrouxen, de aí a dificultade dos que veñen por detrás para pillalos. Inda que todo pode pasar, cremos que Ginés ten que centrarse en consolidalo terceiro posto, dado que ten unha renda de 14 puntos sobre Luis Rancaño, quen non puido participar nesta tirada, o que aproveitou Ginés para aumentar a distancia. A quinta posición ocúpaa Augusto Albo con 64 puntos, e con posibilidades tamén de acceder á terceira posición. Recordamos aquí que inda que reciben premio e trofeo os 15 primeiros clasificados da Liga, o Cadro de Honra está conformado polos tres primeiros, que son loxicamente os postos máis desexados.
Liga Sub 18.- Nesta Liga, a vitoria de Jose Vigo permítelle consolidar a 2ª posición e alonxarse un pouco do terceiro clasificado, Adrián Bouso. Dado que o líder Andrés Rodríguez é o virtual gañador final desta Liga dado que lle leva 20 puntos ao segundo, a pelexa nesta categoría, a falta de 4 tiradas vai estar centrada pola segunda e terceira posición, a cal aspiran, ademais de Jose Vigo e Adrián Bouso, Alex Meitín e Cristian Rodríguez con 267 e 26 puntos respectivamente. Polo tanto, nas catro tiradas restantes imos ter bastante movemento, e a pelexa prevese dura.
A semana que ven non temos bolos dado que a Liga descansa para celebrar o Antroido; tamén se retarda a tirada que íamos ter o 28 de febreiro, dado que este día celébrase unha proba da Liga Galega na bolera de Lago. Polo tanto, a organización da Liga de Bolos de Xove tivo que refacer o calendario das últimas catro tiradas, quedando como segue:
SÁBADO, 7 DE MARZO.- CENTRO SOCIAL DE VILACHÁ
SÁBADO, 14 DE MARZO.- CENTRO SOCIAL DE MORÁS.
SÁBADO, 15 DE MARZO .- CAMPO MUNICIPAL DE FUTBOL DE XOVE.
SÁBADO, 21 DE MARZO.- CENTRO SOCIAL DE SUMOAS. REMATE DA XXª TIRADA DE BOLOS COA ENTREGA DE PREMIOS E TROFEOS.