RIOTORTO (FNC) .- Riotorto acollerá o vindeiro domingo 1 de marzo unha nova edición do Mercado de inverno de produtos ecolóxicos e de temporada no que participarán arredor de trinta expositores, tanto de Riotorto como de outras zonas de Galicia, con produtos típicos destas datas do ano. O mercado permanecerá aberto de dez da maña a tres da tarde. O enclave será a Praza das Rodrigas, aínda que se podería trasladar ao pavillón do colexio en caso de que chovera nesa xornada.
Segundo o alcalde, Federico Gutiérrez “este mercado está enmarcado nun proxecto de catro mercados anuais, de periodicidade estacional, centrados nos produtos ecolóxicos e de temporada. Este mercado do inverno contará coa presenza de produtores ecolóxicos e convencionais que amosarán, exporán e venderán os seus produtos e proxectos propios do inverno. Entre os produtos que se porán á venda atopamos: verduras e hortalizas de temporada, repostería, carne, embutidos e queixos tanto ecolóxicos como convencionais”.
No mercado sortearase unha cesta de produtos ecolóxicos e artesanais entre os visitantes ao mercado organizado pola Asociación de Comerciantes e Empresarios de Riotorto. Nas inmediacións do recinto haberá tamén unha feira de produtos non alimenticios entre os que destacamos os Ferreiros de Riotorto así como unha carpa cunha pulpería para goce dos visitantes. E tamén haberá actividades divulgativas que informarán das “marxes abusivas” que se aplican aos productos alimenticios.