Site icon Crónica3.com A Mariña

Reflexionando para votar

Por Emilio González Legaspi

Hoxe temos que reflexionar. Mañá poderemos exercer o noso dereito de votar e cumprir cunha obriga cidadá. No noso país non é obrigatorio votar, pero facelo significa madurez e interese polas cousas que nos afectan a todos, significa tamén facerse corresponsable dos resultados electorais e das consecuencias futuras das nosas decisións, pero os que non exerzan o dereito de escoller tamén terán que cargar coa situación que se derive. Xa sabedes que se pode pecar por acción ou por omisión.

Despois do escrutinio, o domingo pola noite, uns estarán ledos e outros buscaran a xustificación dos seus resultados, indo por diante que, en política, todos gañan polo menos cara a fóra. As adversidades hai que remoelas en privado. Independentemente disto todos buscarán as causas dos comportamentos dos electores, que poden ser moitas. Debemos partir do feito que hoxe o voto libre e segredo está garantido na nosa sociedade. Polo tanto as opcións escollidas polos cidadáns son conscientes e deliberadas e só poden ser xustificadas individualmente por cada quen. A cuestión é ¿por que vota cada quen o que vota?. A xente vota por interese, por amistade, por ideoloxía, por pertenza a un grupo, por afinidade, por necesidade, por influencias, por rutina… Por outra banda, a xente non vota por desinterese, por apatía, por frustración, por rebeldía, por comodidade, por odio, por protesta, por desmotivación.

Durante a campaña de chamamento ao voto que acaba de rematar, na súa proxección social e nos medios de comunicación, observei que ninguén destacou as súas propostas e os seus programas, e quen o fixo, estes aspectos foron ocultados por frases, comportamentos e accións primarias para apoiar o emocional sobre o racional. Poderíamos resumir que a campaña consistiu en ataques, mentiras e descualificacións entre os diferentes adversarios. O obxectivo podería ser crear caos para desmobilizar, facendo calar a idea de que todos son iguais. Esta situación pode aumentar a desmobilización, promover o pasotismo e xustificar en moitos a súa desidia.

Diante esta situación promovida por intereses dos que dominan a información e inflúen para o seu beneficio, debéramos pensar nesta anécdota.

En certa ocasión, un home achegouse a Sócrates e díxolle:
-Teño que contarche algo moi serio dun amigo teu.
Sócrates miroulle profundamente cos seus ollos de sabio e preguntoulle:
-Xa pasaches o que me queres contar pola proba dos tres coadores?
-Que proba é esa? -díxolle desconcertado o home.
-Se non o sabes, escóitame ben. O primeiro dos tres é o coador da
verdade. Estás completamente seguro de que é certo o que me queres contar?
-En realidade, seguro, seguro, non. Creo que é certo porque o escoitei dun home moi serio, que non afai dicir mentiras.
-Se iso é así, con toda seguridade que non o pasaches polo segundo coador. Trátase do coador da bondade.
O home ruborizouse e respondeu con timidez:
-Certamente que non.
Sócrates mirouno compasivamente e seguiu dicíndolle:
-Aínda que pasases o que queres dicirme por estes dous primeiros coadores, aínda che faltaría o terceiro, o da utilidade. Estás seguro que me vai ser realmente útil o que queres contarme?
-Útil? En verdade, non.
-Ves? ?díxolle o sabio-, se o que me queres contar non sabes se é verdadeiro, e certamente non é nin bo nin proveitoso, prefiro que non mo digas e o gardes só para ti.

Unha vez reflexionado, sen ataduras, libremente debemos exercer o dereito e practicar o deber de votar. Non vai ser que se perda por falta de uso. Non faltarán ideólogos e propagandistas que o xustifiquen. Daquela será tarde.

Exit mobile version