Site icon Crónica3.com A Mariña

Para o PP non se está cumprindo a Lei de Dependencia

NOTA DE PRENSA:

O PPdeG acredita documentalmente o fracaso da Xunta do bipartito á hora de aplicar a lei de dependencia na nosa comarca
UNHA GRAN DEPENDENTE DE LOURENZÁ LEVA PRETO DE OITO MESES DE ESPERA PARA RECIBIR OS SERVIZOS E AXUDAS QUE LLE CORRESPONDEN POR LEI

* Segundo as previsións do calendario de aplicación da lei de dependencia debera ter accedido ás prestacións recoñecidas no ano 2007

* Balseiro Orol insiste en que o BNG gastou todos os recursos e esforzos da Xunta en facer publicidade e propaganda e moi poucos en garantir a calidade de vida desta gran dependente, e doutras moitas persoas na súa situación, cuxa dignidade non está a ser respectada polo nacionalismo.

A Mariña, 20 de febreiro de 2009.- O número tres na candidatura do Partido Popular por Lugo, Jose Manuel Balseiro Orol, vén de acreditar documentalmente o fracaso da Xunta bipartita á hora de aplicar a lei de dependencia na nosa comarca. O dirixente popular fixo público un documento no que se acredita que unha gran dependente de Lourenzá leva preto de oito meses de espera para recibir os servizos e axudas que lle corresponder por lei. (O recoñecemento da súa situación de dependencia data do 26 de xuño de 2008 días despois pedíronlle a certificación do número de conta bancaria no que recibir a axuda, pero aínda non se lle abonou)

MÁXIMO NIVEL DE DEPENDENCIA

A situación é bastante preocupante tendo en conta que a persoa da que os populares están a falar ten recoñecida o máximo grado e nivel de dependencia (grado III, nivel 2): Falamos dunha persoa que necesita axuda para realizar as actividades básicas da vida diaria e que, como consecuencia da perda total de autonomía mental ou física, necesita a presenza indispensable e continua dunha coidadora.

DEBERA TER RECIBIDO A SÚA PRESTACIÓN NO 2007

Segundo o calendario de aplicación de Lei de Dependencia os grandes dependentes como é o caso do que estamos a falar deberían estar recibindo a súa axuda e prestación recoñecida no 2007, durante o primeiro ano de aplicación da Lei de Dependencia. Dous anos despois o colapso do sistema e a lentitude burocrática da Vicepresidencia non o fixo posible.

CENSURAR A XESTIÓN DO BNG NA VICEPRESIDENCIA

Nada disto parece ser razón suficiente para que o departamento que dirixe o nacionalista Anxo Quintana acelere o proceso de outorgamento dos dereitos que lle corresponden a esta persoa e a outras na súa mesma situación. Segundo Balseiro Orol BNG gastou todos os recursos e esforzos para a dependencia en publicidade e propaganda e agora son, persoas como esta veciña de Lourenzá as que pagan as consecuencias. Chegou o momento de censurar a mala xestión destes señores ao fronte da Xunta e de garantir un Goberno, como o de Feijóo que sitúa en primeira liña o respecto da dignidade de todas estas persoas que necesitan a nosa axuda e especial dedicación.

FALECIDOS DURANTE O LONGO PROCESO DE TRAMITACIÓN

Balseiro Orol acompaña a súa denuncia dun novo documento, neste caso dunha resolución da Delegación Provincial da Vicepresidencia na que esta administración resolve o arquivo do expediente por falecemento do solicitante, declarando concluso o procedemento. O candidato popular indica que está non é unha excepción senón a regra xeral: Hoxe na Mariña existen máis persoas que faleceron á espera de recibir a prestación ou axuda que lle corresponde que xente beneficiándose das mesmas. E de non ser isto certo emprazo á Vicepresidencia a que o desacredite con datos concretos.

Exit mobile version