Site icon Crónica3.com A Mariña

Para o BNG é un impulso para o sector da madeira a Delegación do CIS en Lourenzá

NOTA DE PRENSA (FNC)

A DELEGACIÓN DO CIS DA MADEIRA DE LOURENZÁ COMENZARÁ A TRABALLAR CON 7 TÉCNICOS NAS VINDEIRAS SEMANAS. OS NACIONALISTAS SULIÑAN QUE SUPORÁ UN IMPULSO PARA O SECTOR EN TODA A PROVINCIA DE LUGO.

A Mariña, 18 de febreiro de 2009. O BNG destaca nesta xornada que o sector da madeira contará a finais deste mes ou na primeira semana de marzo cunha delegación do Centro Tecnolóxico da Madeira en Lourenzá. O nº 3 da lista por Lugo, Manuel Parga, sinala que “o CIS da madeira é un organismo público ao servizo da industria da madeira de Galiza co obxectivo de contribuir a mellorar a posición competitiva das empresas, a facer un aproveitamento óptimo dos recursos forestais, maiores aplicacións e maiores calidades para os productos derivados da mesma”.

Os nacionalistas din que “este centro, que depende da Consellería de Innovación e Industria, busca nun sector tan importante na Mariña e na provincia de Lugo novas saídas para a transformación da madeira que van beneficiar a máis de 600 empresas do sector da madeira do moble en toda a provincia. É unha delegación que terá funcións coma un mellor aproveitamento da masa forestal, achegamento de servizos ás empresas, novos usos da madeira e novas posibilidades coma productos ecolóxicos, investigacións para poder aumentar o uso na construcción, no sector dos chapeados, no sector dos aserradoiros, no sector do moble…”. Manuel Parga considera que “vai ser un servizo moi importante na nosa comarca para un sector estratéxico que vai conseguir un maior valor engadido para os productos derivados da madeira e que vai favorecer a todo o sector”.

A ubicación desta delegación do Centro Tecnolóxico da Madeira “terá unha superficie inicial de 200 metros cadrados, pero poderá chegar ata os 400. Nela traballarán 7 técnicos e estará ubicada no Mosteiro de Lourenzá, na ala contigua ao Centro de Interpretación da Faba. Poráse en marcha a través dun convenio co Bispado de Mondoñedo por 70 anos e co que tamén se contribuirá a rehabilitar o patrimonio histórico”. Os nacionalistas “entendemos que é unha boa noticia que abre novas posibilidades e expectativas de I + D + I, de impulso do sector de transformación forestal que é de vital importancia sobre todo no contexto no que estamos. Estas son as apostas do BNG que teñen maior relevancia en tempos de crise”.

Neste asunto centrará a súa intervención Manuel Parga no mitín do BNG que se celebrará esta noite a partires das 21:30 horas en Lourenzá.

Exit mobile version