CERVO .- No día de hoxe tivo lugar o primeiro matrimonio no que vai de ano no Concello de Cervo. Os contraentes -Juan Carlos López Díaz e María Pita Couce- serán pois os agraciados coa iniciativa posta en marcha o pasado mes de maio polos concellos galego e italiano de Cervo durante os actos oficiais do seu irmandamento celebrados no pais transalpino.
Naquela ocasión os rexedores municipais (Alfonso Villares Bermúdez e Vittorio Desiglioli) acordaron que a primeira parella de cada un dos dous concellos que contraera matrimonio (civil ou relixioso) cada ano sería convidada a tres días de estancia con tódolos gastos pagados no concello homónimo ao do seu orixe.
Neste caso Juan Carlos e María elixiron a vía civil; e foi o alcalde Alfonso Villares quen presidiu o evento celebrado este mediodía no consistorio mariñao. Segundo lembrou Villares, esta idea persegue potenciar o vínculo iniciado hai anos entre os dous concellos do mesmo nome.
O viaxe dos noivos será costeado polo Cervo mariñao; mentres que o Cervo italiano convidará aos recen casados a tres días de estancia con tódolos gastos pagados. “Do mesmo xeito -salientou Alfonso Villares- os primeiros cervenses italianos que casen neste ano serán convidados a tres días de estancia entre nos, e o viaxe correrá por conta do Cervo italiano”.