NOTA DE PRENSA:
O centro sito en Burela só foi superado polos complexos hospitalarios de Vigo e o Xeral-Calde, ambos situados en cidades, con maior poboación de referencia e cunha máis ampla carta de prestacións e servizos sanitarios
O HOSPITAL DA COSTA É O TERCEIRO QUE REXISTRA MAIORES LISTAS DE ESPERA DE TODA GALICIA
· Balseiro Orol afirma que a Xunta bipartita foi incapaz de poñer en marcha un plan de acción urxente para evitar que o da nosa comarca forme parte do triplete dos centros hospitalarios máis colapsados de Galicia.
· Segundo o candidato popular socialistas e nacionalistas pecharon os ollos ante esta realidade e, en consecuencia, non son capaces de ofrecer as solucións oportunas.
· Tamén a comparativa con respecto ao ano 2005 –último do Goberno do PPdeG na Xunta- resulta moi negativa para os actuais xestores do bipartito: Máis da metade das especialidades empeoraron o seu tempo de demora.
A Mariña, 13 de febreiro de 2009.- O deterioro progresivo do sistema público de saúde constitúe unha das problemáticas máis salientables que afectan ao benestar das veciñas e dos veciños da Mariña lucense. Consciente desta realidade o candidato número 3 da lista electoral do Partido Popular na nosa provincia, Jose Manuel Balseiro Orol lamenta que nestes catro últimos anos a deficiente xestión do Goberno bipartito e caos provocado dentro do Servizo Galego de Saúde teña como resultado un fracaso estrepitoso na loita contra as listas de espera.
O TERCEIRO POLA COLA
O Hospital da Costa non é alleo a esta realidade e, segundo os datos oficiais que poden ser consultados na web do propio SERGAS, o centro sito en Burela é o terceiro que maiores listas de espera rexistra de entre todos os hospitais galegos. Cada mariñán ve demorada nunha media de 76 días a súa cita co médico especialista.
SANIDADE COLAPSADA
Balseiro Orol amosa a súa disposición de loitar para que a principal infraestrutura sanitaria da Mariña deixe de ter a dubidosa honra de formar parte do triplete dos centros máis colapsados de toda Galicia. O Hospital da Costa só foi superado na súa ampla lista de espera en consultas polo complexo universitario de Vigo (con 82 días de demora) e polo complexo Xeral-Calde (con 91 días de espera) pero ambos son grandes hospitais radicados en cidades –Vigo e Lugo respectivamente-, con moita máis poboación de referencia e unha ampla gama de prestacións e servizos sanitarios, o que non permite ofrecer unha comparativa equitativa con respecto ao noso.
11 DÍAS MÁIS DE ESPERA QUE A MEDIA AUTONÓMICA
Na Mariña as listas de espera no Hospital son un 17% superiores ás do resto de Galicia. Mentres a media autonómica está situada en 65 días na nosa comarca chegan ata os 76 días de demora, isto é 11 días máis. Para o deputado popular, en certo modo, esta situación supera os límites do aceptable por dous motivos: a actual xerencia e os responsables políticos do bipartito manteñen pechados os ollos ante estes datos –lembremos que son oficiais- e, polo tanto, non teñen intención de corrixilos. A maiores, as estatísticas sobre demoras nas consultas non son totalmente reais, pois a maquillaxe estatística, que fai invisibles a centos, quizais miles de doentes, oculta unha realidade moito máis grave obrigaría a articular solucións urxentes e eficaces.
NA METADE DAS ESPECIALIDADES PEOR CA NO 2005
Por outra banda, a comparativa tampouco resulta satisfactoria se empregamos como ano de referencia o 2005, último período de xestión autonómica do Partido Popular. Tras catro anos do bipartito na Xunta as listas de espera empeoraron en 11 das 21 especialidades das que por entonces disponía o Hospital da Costa. Así por exemplo, o tempo de demora para acceder a unha primeira consulta foi superior en dermatoloxía (+53 días), neuroloxía e oftalmoloxía (ambas con +34 días), reumatoloxía (+31 días), anestesioloxía e recuperación (+24 días), medicina interna (+17 días), alergoloxía (+16 días), nefroloxía (+11 días), uroloxía (+8 días), cardioloxía (+7 días) e obstetricia (+1 días).
RESPONSABILIDADE EXCLUSIVA DO BIPARTITO
En todo caso, o candidato popular insistiu que en que o deterioro que rexistra actualmente a sanidade pública comarcal é imputable, en exclusiva, aos xestores políticos do Goberno bipartito xa que o Hospital da Costa, como o resto dos centros de medicina especializada de Galicia, dispón dun magnífico equipo de profesionais, á altura de calquera país europeo.