Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP promete unha escola náutico pesqueira para Burela

NOTA DE PRENSA
O último Executivo autonómico popular contemplou consignación orzamentaria expresa para executar esta nova infraestrutura pero o actual Executivo bipartito desbotouno sen ofrecer alternativa algunha
O GOBERNO DO PPdeG LEVARÁ ADIANTE O PROXECTO DE CONSTRUCIÓN DA ESCOLA NÁUTICO PESQUEIRA E DE ACUICULTURA EN BURELA

* O éxito deste novo centro educativo está asegurado e a dinámica dos importantísimos portos pesqueiros de Burela e Celeiro garante a absorción da mano de obra cualificada que se forme na nova escola.

A Mariña, 12 de febreiro de 2009.- De acceder á responsabilidade do Goberno tras o vindeiro un de marzo o Partido Popular de Galicia, capitaneado por Alberto Nuñez Feijóo, comprométese a construír a Escola Náutico-Pesqueira e de Acuicultura de Burela. Así o explicou o candidato popular Jose Manuel Balseiro Orol quen lembrou que se trata de retomar un proxecto iniciado pola anterior Xunta pero que os actuais responsables do bipartito desbotaron sen ofrecer ningún tipo de explicación nin alternativa.

Balseiro Orol que, ao longo desta lexislatura exerceu como voceiro de Pesca do Parlamento de Galicia e que, polo tanto, coñece as inquietudes e as demandas da xente do mar, entende que unha comarca como a nosa onde se atopan dous dos portos pesqueiros máis importantes de Galicia e de toda España, ten que dispoñer da infraestrutura necesaria para formar aos futuros tripulantes das embarcacións. Segundo o candidato popular tal e como acontece no caso da escola situada na localidade de Ribeira, o éxito do futuro centro educativo mariñán está máis que asegurado pois a propia dinámica e a actividade dos peiraos e a forte demanda de traballadores por parte sector pesqueiro e a industria auxiliar obtería a resposta oportuna grazas ao persoal cualificado que se forme na escola.

A Mariña lucense non pode seguir carecendo dunha Escola Náutico Pesqueira destas características e PSOE e BNG non poden seguir poñendo obstáculos a esta nova infraestrutura. Nos últimos orzamentos elaborados polo Partido Popular, existía unha consignación orzamentaria específica para levar adiante este proxecto e, pese a iso, socialistas e nacionalistas non a executaron. Ao longo da actual lexislatura, nunca accederon a facer realidade este obxectivo. Lugo é a única provincia marítima de Galicia sen un centro destas características.

TITULACIÓNS E TRIPULACIÓNS

Precisamente a nova Escola Náutico Pesqueira e de Acuicultura de Burela contribuirá a resolver un dos problemas máis graves do sector pesqueiro na actualidade: a carencia de tripulacións. Xunto a iso o futuro Goberno de Galicia, presidido por Alberto Núñez Feijóo, tomará a iniciativa dentro do conxunto do territorio nacional para reclamar da Administración Central o establecemento de procedementos áxiles cara á homologación das titulacións marítimo pesqueiras comunitarias e extracomunitarias.

No ámbito específico das ensinanzas sobre o mar impulsará as reformas necesarias para que a formación profesional adquira un enfoque unificado e multidisciplinar. No primeiro dos casos o PPdeG pretende desenvolver o modelo de integración entre as tres ramas de ensinanzas náutico-pesqueiras -a Armada, a Mariña Mercante e a Pesca- tal e como require un sector cada vez máis profesionalizado. O segundo dos obxectivos é incorporar outras disciplinas dentro do proceso formativo (tales como dereito internacional do mar, bioloxía, economía…). Hoxe o sector produtivo require contar con profesionais en todas as materias de coñecemento empresarial.

Exit mobile version