Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP promete tres novas residencias para maiores na Mariña

NOTA DE PRENSA:

Ribadeo, Foz e Viveiro contarán con estas novas dotacións de benestar e en Burela corrixiranse as eivas que impiden ofertar prazas para persoas dependentes no centro recentemente reformado
TRES NOVAS RESIDENCIAS PÚBLICAS OFERTARÁN PRAZAS PARA PERSOAS MAIORES E DEPENDENTES

* Cambio de prioridades: O futuro Goberno de Alberto Núñez Feijóo comprometerá todo o diñeiro da dependencia ás persoas que o necesitan e nada, nin un só céntimo, para publicidade e burocracia innecesaria.

A Mariña, 25 de febreiro de 2009.- A aplicación da Lei de Dependencia na Mariña está a ser unha travesía chea de obstáculos na que o principal escollo é a falta de vontade política da Vicepresidencia nacionalista da Xunta de Galicia que dirixe Anxo Quintana. O número tres da candidatura do Partido Popular pola nosa provincia, Jose Manuel Balseiro Orol, asume como compromiso corrixir esta inxustiza desenvolvendo desde o novo Goberno da Xunta, presidido por Alberto Núñez Feijóo, unha auténtica aposta decidida pola rede de servizos sociais na nosa comarca.

Algo xa tiñan adiantado os populares nas pasadas datas cando criticaron o lavado de cara que supuxo a reforma da residencia da terceira idade de Burela. Despois de que o bipartito gastara preto dun millón de euros o centro ten deficiencias estruturais e funcionais de tal magnitude que non é posible ofertar prazas para persoas dependentes. A maiores de corrixir estas eivas e facer posible, polo tanto, que Burela acolla a persoas dependentes -con discapacidades físicas ou sensoriais e problemas de mobilidade- o PPdeG asina o seu compromiso de poñer en servizo tres novas residencias públicas para persoas maiores en cada unha das comarcas: unha en Ribadeo, unha en Foz e outra en Viveiro.

Cun Goberno presidido por Alberto Núñez Feijóo a atención, os servizos e as dotacións para persoas maiores ou dependentes volverá a ser unha prioridade, “pois nunca debeu deixar de selo. Nós non faremos como o BNG que prometeu 10 centros de día na nosa comarca e non foi capaz de poñer ningún deles en servizo. Os populares impulsaremos a creación destas dotacións en todos aqueles concellos que teñan máis de 1.500 habitantes. Colaborando cos concellos na estruturación desta rede. Pois é a administración local, os seus servizos sociais, os como administración máis próxima, mellor coñecen a situación dos seus veciños”

ALZHEIMER

No relativo á atención ás persoas con complexas problemáticas de saúde como é a enfermidade do Alzheimer, o PPdeG desenvolverá unha rede de centros de referencia para pacientes que sufran esta discapacidade psíquica e para as súas familias. “Burela disporá deste novo centro na vindeira lexislatura e estudaremos a implantación de novas dotacións destas características alí onde xurdan estas necesidades.” -explica Balseiro.

CAMBIO DE PRIORIDADES

O número tres da candidatura popular por Lugo afirma que, a diferenza do feito polo BNG nesta última lexislatura, “desde o futuro Executivo do PP crearemos estes centros sobre o terreo e non nas páxinas dos xornais, nos titulares das noticias, ou nos reclamos publicitarios”. Os populares sempre mantiveron que a lei da Dependencia é unha boa idea e como tal foi apoiada pola súa formación política. “Pero falamos dunha boa lei que estivo moi mal xestionada polo Bipartito da Xunta. Gran parte das razóns que xustifican este fracaso están no enorme erro cometido polos nacionalistas que desenvolveron un maior esforzo en propaganda da propia lei, que en ampliar os servizos de dotacións de benestar”.

Polo exposto con anterioridade, os populares quere adiantar un compromiso cos galegos e as galegas en situación de dependencia: O Goberno de Feijóo dedicará todos os recursos e todo o diñeiro ás persoas que máis o necesitan, comprometerá todo o diñeiro da dependencia ás persoas que o necesitan e nada, nin un só céntimo para publicidade e burocracia innecesaria.”

Exit mobile version