Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP promete pagar o 90% dos comedores escolares rexentados polas ANPAS

NOTA DE PRENSA:
Os populares flexibilizarán os criterios impostos polo bipartito para que máis nenos e nenas galegos poidan beneficiarse de gratuidade dos comedores escolares, un servizo social indispensable para garantir unha alimentación equilibrada dos nosos rapaces, e un instrumento ideal para a conciliación da vida laboral e familiar
A XUNTA DO PPdeG ASUMIRA O 90% DO CUSTE DOS COMEDORES ESCOLARES PROMOVIDOS POLAS ASOCIACIÓNS DE NAIS E PAIS

* Balseiro Orol explica que a Xunta do PPdeG aposta pola “gratuidade total” dos libros de texto polo que modificará o actual sistema de préstamo que obriga a moitas familias a seguir pagando entre 50 e 60 euros.

A Mariña, 24 de febreiro de 2009.- Cando Alberto Núñez Feijóo acceda á responsabilidade de presidir a Xunta de Galicia a administración autonómica asumirá o 90% do custe dos comedores escolares promovidos polas Asociacións de Nais e Pais (ANPAS). Así o explicou o candidato número tres pola provincia de Lugo, Jose Manuel Balseiro Orol quen indicou que poderán beneficiarse desta medida preto de 2.000 escolares mariñaos.

Segundo un estudo realizado pola Unión de Consumidores (UCE) os comedores escolares xestionados directamente polas ANPAS en Galicia son os segundos máis caros de España –so superados polos cataláns-. Cada vez que un alumno emprega este servizo, ten que abonar unha cantidade media de 5,27 euros. Os populares non se conforman con que na nosa comunidade sexa moito máis caro empregar un comedor escolar pois entenden que ademais dun servizo importante para garantir unha alimentación equilibrada dos nenos e nenas usuarios, constitúe un instrumento ideal para colaborar na difícil tarefa de conciliar a vida laboral e familiar.

Balseiro Orol explica que a idea dos populares e camiñar cara a gratuidade total destes servizos, de grande interese social, nos vindeiros anos, xa sexa a través dunha subvención finalista ás ANPA´s, -complementaria a que poidan obter desde os concellos- ou ben asumindo directamente a Consellería de Educación a xestión destes comedores, contando sempre coa colaboración das asociacións de nais e pais.

RECURSOS PÚBLICOS TRES ELIMINAR O DESPILFARRO

Segundo o PPdeG o feito de que PSOE e BNG despilfarraran inxentes cantidades de diñeiro público para pagar os luxos de Touriño e dos seus conselleiros, ou en carísimas campañas de publicidade e propaganda, impediu contar cos recursos necesarios para ampliar a rede de comedores escolares da Xunta a todos os centros de educación obrigatoria e forzou a que os actuais responsables do bipartito endureceran os requisitos polos que as familias poden beneficiarse da gratuidade ou da rebaixa no prezo dos menús escolares. Precisamente eliminando este despilfarro obterase os recursos públicos necesarios para asumir estes retos.

EDUCACIÓN DE CALIDADE= IGUALDADE DE OPORTUNIDADES

Os populares entenden a educación como un instrumento fundamental para a igualdade de oportunidades: o acceso en igualdade ao coñecemento é o instrumento para formar cidadáns máis libres e responsables. Por iso observan con preocupación a situación de deterioro educativo que está a sufrir o sistema público segundo acreditan todos os organismos de avaliación internacionais. Para superar esta situación o PPdeG aposta por potenciar un modelo baseado no esforzo, o mérito e a responsabilidade dos alumnos, e que fuxa de ideoloxización a día de hoxe empregan os socialistas –educación para a cidadanía- e os nacionalistas –inundando de política os centros escolares-

GRATUIDADE REAL DOS LIBROS DE TEXTO

Balseiro Orol afirma que o PPdeG modificará o actual sistema de préstamos dos libros escolares para transformalo nun sistema de gratuidade real. “Non podemos conformarnos con que algunhas familias teñan que pagar curso tras curso entre 50 e 60 euros” – expón Balseiro. “Hai que garantir que as familias non teñan que pagar un só euro polos libros de texto que empregan os seus rapaces no seu proceso educativo, e que os alumnos poidan empregar os libros sen temor a deterioralos polo seu propio uso xa que despois saben que teñen que pagalos os pais”

O candidato popular explica que en concellos xestionados polo PPdeG como o de Cervo a administración local asume o custe dos libros que non entran dentro do enganoso sistema de préstamos da Xunta. “É a administración a que asume o custe das fichas de infantil e dos cadernos de actividades de primaria xa que non poden ser reutilizados e que a administración non asume”. Balseiro conclúe que “a gratuidade real é posible pero non con PSOE e BNG”.

Exit mobile version