NOTA DE PRENSA:
Balseiro Orol afirma que os nacionalistas “non son de fiar” e que a xestión das consellerías do BNG na Mariña brillou pola súa ausencia
CHEGARON AS REBAIXAS: BLANCO COMPROMETE PROXECTOS DE INTERESE PARA A MARIÑA QUE LEVA CATRO ANOS NEGANDO DESDE O GOBERNO
* Ata en cinco ocasión o BNG votou en contra de achegar máis recursos para o corredor e xa van por tres veces que os nacionalistas negan a necesaria apertura do dique norte de Alcoa ao tráfico comercial xeral.
* O candidato do BNG afirma que o corredor da costa entrará en servizo no 2011 malia que sabe que os orzamentos da Xunta, aprobados en conxunto por nacionalistas e socialistas, postergan máis alá desta data o 80% do investimento público nesta nova infraestrutura.
A Mariña, 25 de febreiro de 2009.- Segundo interpreta o candidato número tres do Partido Popular pola provincia de Lugo, Jose Manuel Balseiro Orol, “chegaron as rebaixas ao BNG” e por iso Fernando Blanco comprométese agora a desenvolver aqueles proxectos de interese comarcal que levan rexeitando ao longo de toda esta lexislatura desde o Goberno. O candidato popular atribúe o atrevemento dos nacionalistas á incapacidade do BNG para render contas da súa xestión nos últimos catro anos nos que os nacionalistas formaron parte do Executivo galego. “As consellerías do BNG, para variar, brillaron pola súa ausencia na Mariña, así que hoxe non lles queda outra que falar do que van a facer no futuro incluso pecando de falta de coherencia co feito ata o de agora”.
Balseiro Orol ofrece exemplos concretos para fundamentar a súa crítica: Fernando Blanco prometeu que levaría adiante todos os tramos do corredor entre Ferrol e San Cibrao antes do 2011, un horizonte temporal “imposible de cumprir” tendo en conta as raquíticas partidas orzamentarias incluídas nas contas para 2009. “O BNG xunto co PSOE decidiron que máis do 80% do total do investimento da Xunta para esta vía de interese prioritario para todos nos non chegue ata despois de 2011 e anos seguintes, polo que esta nova infraestrutura non entrará en servizo ata moito despois da data reseñada. Todo pola falta de compromiso dun Goberno -o de Touriño e Quintana- que se esqueceu da nosa comarca”
En materia de benestar os populares subliñan que resulta “insultante” que aqueles que non foron quen de abrir un só centro de día novo na Mariña lucense despois de prometer dez, agora pretendan facernos crer que ofertarán prazas para persoas maiores e dependentes no futuro. “Xa sabemos que o BNG prefire gastar cartos en propaganda en vez de destinalos a aqueles maiores que máis os necesitan”.
AGORA SI, AGORA NON…
Os compromisos do BNG coa Mariña lucense son, en opinión do PP, “unha fotocopia das emendas que os populares veñen rexistrando ano tras ano no Parlamento de Galicia cada vez que chega o debate de orzamentos”. Pese a iso, as contas da Xunta sempre marxinan a nosa comarca que recibe moito menos diñeiro do que lle corresponde, tanto en base a criterios de poboación, como en xusta valoración do seu peso específico como comarca máis desenvolvida no conxunto da provincia. “Curiosamente o que hoxe prometen é o mesmo que os deputados do BNG levan rexeitando cos seus votos cada vez que tiveron ocasión. Votación tras votación no Parlamento de Galicia antepuxeron outro tipo de criterios á defensa da Mariña lucense. Ata en cinco ocasión o BNG votou en contra de achegar máis recursos para o corredor e xa van por tres veces que os nacionalistas negan a necesaria apertura do dique norte de Alcoa ao tráfico comercial xeral
E por iso, Balseiro Orol resta credibilidade aos compromisos que poida adoptar un partido, o BNG, que “ten esta enorme falta de coherencia entre acción e discurso, entre o que din e o que fan, entre o que votan en Santiago e din que farán na Mariña”.
BNG NON É DE FIAR
Para o número tres da candidatura dos populares “o BNG non é de fiar” como mostra disto lembran que despois de ter negadas as listas de espera e impedir incluso que puideran ser auditadas, agora afirman que traballarán para reducilas. Ou, o que aínda é máis evidente, despois de afirmar que farían depender o seu apoio ás contas estatais para 2009 da apertura do dique norte de ALCOA ao tráfico comercial xeral, hoxe sabemos que deron un cheque en blanco a Zapatero e todo iso pese a que o seu Goberno non quere nin oír falar deste novo porto comercial. “Non hai un só céntimo de euro previsto nas contas xerais do ano en curso para abrir este dique. O BNG é aquel partido que, o mesmo día que se manifestaba para reclamar a apertura do dique norte de ALCOA decidía, desde a consellería de vivenda, deixar sen efecto o proxecto do PPdeG para crear unha gran área industrial no contorno desta factoría, en definitiva, dispoñer do solo industrial necesario para que poidan asentarse novas iniciativas de emprego e empresas que operarían desde este novo porto comercial”