Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP di que o BNG votou en contra da ampliación do Hospital da Costa

NOTA DE PRENSA:

A última ocasión, o pasado mes de decembro cando os votos conxuntos de nacionalistas e socialistas impediron que prosperase unha emenda do PPdeG pola que reclamaban que os orzamentos de 2009 contemplasen investimentos concretos para levar adiante esta actuación
BALSEIRO: “O BNG VOTOU ATA EN CINCO OCASIÓNS NESTA LEXISLATURA EN CONTRA DA AMPLIACIÓN DO HOSPITAL DA COSTA”

* O centro hospitalario sito en Burela e o único en toda Galicia que non conta con consignación orzamentaria expresa para o seu plan funcional.

* Segundo o PP os nacionalistas son corresponsables da situación de deterioro do sistema público de saúde e xunto co PSOE forman parte do problema.

A Mariña, 12 de febreiro de 2009.- O candidato número tres do Partido Popular de Galicia, Jose Manuel Balseiro Orol, replicou ao seu homólogo nacionalista Manuel Parga, que o BNG non quixo acometer a tan necesaria obra de ampliación do Hospital da Costa ao longo desta lexislatura. De feito, o dirixente popular lembra que o propio Parga, na súa condición de deputado do Parlamento de Galicia, votou hasta en cinco ocasións en contra de iniciativas polas que o PPdeG reclamaba levar adiante esta actuación.. “A última vez foi o pasado mes de decembro, cando rexeitou achegar cartos para unha obra que agora cualifican de urxente e definen como a gran asignatura pendente da sanidade comarcal.” Balseiro explicou tamén que cada unha destas ocasións consta, sen espazo para a dúbida, nos respectivos Diarios de Sesión.

¿PLAN FUNCIONAL?

A maiores de todo iso, o candidato do PPdeG lembra que as contas autonómicas elaboradas por PSOE e BNG para o 2009 non achegan “nin un só céntimo” para levar adiante o tantas veces anunciado plan funcional, un instrumento co que se pretende lograr á mellora asistencial do hospital de Burela. Si aparecen, en cambio, previsións de investimentos para os plans directores dos hospitais Juan Canalejo (4 M€), Arquitecto Marcide (1,4 M€), Centro Hospitalario de Ourense (1 M€), Hospital de Pontevedra (400.000 €) e do Salnés (1 M€).

Este dato sumado á negativa da Xunta a facilitar copia do devandito plan -pese a ser reclamado polo conduto regulamentario da Cámara autonómica-, fai que os populares cheguen dubidar incluso da existencia do propio documento.

CORRESPONSABILIDADE DO BNG

Balseiro afirma que, malia que Sanidade é unha área de Goberno de responsabilidade socialista o BNG é tamén culpable dos múltiples incumprimentos e do deterioro xeneralizado do sistema público de saúde que está a ter lugar nestes tres últimos anos. Ao mesmo tempo cuestiona a credibilidade das ofertas electorais dos nacionalistas “pois son calcadas as feitas fai catro anos e pese a iso, como todos poden observar non cumpriron ningunha delas”.

PSOE E BNG PARTE DO PROBLEMA

“Segundo o candidato do PPdeG os actuais responsables da Xunta “parecen máis preocupados en maquillar as listas de espera e negar os problemas que en solucionalos. Por iso chegou o momento de dicir adeus ao bipartito. Chegou o momento de apostar por un Goberno do PPdeG que manteña un compromiso claro e crible para atallar os problemas da sanidade pública na nosa comarca. Quen como PSOE e BNG forman parte do problema non poden contribuír a ofrecer a solución”.

Exit mobile version