NOTA DE PRENSA
No que levamos de lexislatura e pese a existir consignación orzamentaria expresa ano tras ano, a Xunta de Galicia non foi quen de iniciar as obras nun só quilómetro do corredor entre Ferrol e Barreiros
BALSEIRO ACUSA AOS SOCIALISTAS DE FALAR SEN NINGÚN TIPO DE RIGOR NAS SÚAS COMPARECENCIAS PÚBLICAS
* Subliña a notable ausencia de Ismael Rego no acto de presentación da lista electoral do PSOE en Ribadeo “pois A Mariña nunca está prioridades deste candidato socialista”
* Cualifica a Ricardo Varela como o rei do paro e da destrución de emprego e o fundamenta nun dato: Lugo é a provincia galega na que máis creceu o desemprego en xaneiro, un 8,38%, situación que afecta xa a 19.358 persoas.
A Mariña, 04 de febreiro de 2008.- O secretario xeral do Partido Popular de Lugo Jose Manuel Balseiro Orol convidou aos veciñas e veciños da Mariña a reflexionar despois de escoitar o que están a dicir os socialistas nas súas comparecencias públicas e, de xeito especial, apuntou que os candidatos do PSOE “inmersos nun discurso electoral, falan sen ningún tipo de rigor, manipulando os datos de tal xeito que dan boa mostra da seu pouco escrúpulo e da súa falta de credibilidade”.
Máis en concreto, o dirixente popular referiuse ás afirmacións efectuadas con ocasión da presentación da candidatura do PSOE que tivo lugar o pasado luns en Ribadeo. No desenvolvemento deste acto o líder dos socialistas lucenses, Ricardo Varela, reclamou o apoio dos ribadenses para facilitar que desde a Xunta poidan rematar a rede viaria na comarca. Balseiro Orol cuestionou esta afirmación e emprazou ao cabeza de lista dos socialistas a que aporte un só dato, unha soa fotografía, coa que se poida demostrar que o PSOE está a executar o corredor entre Barreiros e Ferrol. A realidade é -a xuízo do deputado popular- ben distinta pois, pese a ter consignación orzamentaria expresa en cada unha das anualidades da lexislatura que remata, o PSOE non foi quen de iniciar un só quilómetros das obras desta vía chamada converterse na columna vertebral das comunicacións da nosa comarca.
LUGO Á CABEZA DO DESEMPREGO EN GALICIA
Situación similar acontece no ámbito laboral. Balseiro lembrou que Ricardo Varela como responsable do departamento autonómico de Traballo converteuse “no rei do paro e do desemprego”. Neste senso o dirixente popular lembrou que o candidato socialista forma parte do Goberno que prometeu 30.000 novos postos de traballo e rematou por deixar 35.000 novos inscritos no INEM.
Abundando nesta cuestión, Balseiro fai mención aos datos coñecidos no día de onte en relación coa evolución do mercado laboral: o desemprego na nosa provincia aumentou un 8,38% superando a cifra dos 19.350 desempregados. Estas cifras poñen de relevo que os socialistas non teñen nada do que aledarse xa que Lugo é a provincia galega onde máis subiu o paro e o ritmo de destrución de postos de traballo é superior, incluso, ao rexistrado no conxunto de España-
REGO: CANDIDATO AUSENTE
Por outra banda, Balseiro Orol salientou o feito de que o propio candidato socialista pola Mariña lucense, Ismael Rego, estivera ausente do acto de presentación da candidatura. Na súa opinión, a non presenza de Rego evidencia o que sempre estiveron a denunciar desde o PP “que este señor é un candidato ausente, que tan só se lembra da Mariña cada catro anos,… en definitiva, que sempre despraza á nosa comarca fóra das súas prioridades o que lle incapacita para defender os intereses dos seus veciños e veciñas”
MÁIS LISTAS DE ESPERA, MENOS BENESTAR
O dirixente popular destacou tamén a falta de consideración dos socialistas cando, no transcurso deste acto, pretenderon vender como logros o que están a ser os mellores exemplos da falta de xestión dos socialistas na Xunta. Así por exemplo, Balseiro Orol sinalou que é por todos perceptible o notable deterioro do sistema público de saúde e que, lonxe de mellorar as listas de espera, os socialistas trasladaronnas ata os centros de saúde. A maiores de todo isto e, pese a que non é unha área de estrita responsabilidade socialista, os populares tamén criticaron que cando na Mariña tan só un 1% do total de dependentes con dereito a recibir axudas están beneficiándose delas, non pode o PSOE sentirse orgulloso polo ritmo de aplicación destes novos dereitos sociais do ámbito do benestar que non están a chegar a aquelas persoas que os precisan.
O PSOE AVALA O DISCURSO DO PP
Como colorario, Balseiro entende que o PSOE está avalando o discurso do PP na Mariña sobre a deficiente xestión da Xunta: Co Goberno de socialistas e nacionalistas temos máis paro, asistimos a un deterioro do sistema público de saúde e dos servizos de benestar e a un parón en materia de novas infraestruturas de comunicación, vías e estradas.