Site icon Crónica3.com A Mariña

Goberno ribadense e ambulantes seguirán a falar para tentar solucionar o conflito do mercado

RIBADEO (FNC) .- Preto de dúas horas durou o encontro que mantiveron o alcalde e outros membros do seu equipo de goberno cunha representación dos vendedores ambulantes do mercado semanal dos mércores. O rexedor de Ribadeo, Fernando Suárez, asegura que “nós nunca lle fuximos nin lle fuxiremos ao diálogo, para nada. Estivemos preto de dúas horas falando e pouco podemos dicir que sacáramos en conclusión, pouco podemos dicir que avanzáramos para desbloquear esta situación. É certo que nos vemos coa responsabilidade, xa que a oposición quixo mediar non o conseguiu e así o recoñeceu e a propia oposición deixou sobre o goberno toda a responsabilidade para resolver esta situación”.

O alcalde di que “na resolución desta situación debo dicir, porque así llelo dixemos a eles, que as ordenanzas están para cumprilas en tanto éstas non sexan derogadas ou non sexan cambiadas, e eso non ten volta atrás e sobre eso non hai efectos retroactivos e sobre eso nada podemos facer. É dicir as débedas acumuladas deberán ser satisfeitas porque senón a propia ordenanza marca que non poderán ocupar os postos para a seguinte anualidade. Non obstante nós pensamos que falar é positivo”.

Suárez Barcia recoñece que “os vendedores ambulantes volvéronnos dar unha proposta que nós xa lles dixemos que é francamente difícil por non dicir imposible que eso se poida estimar. Démonos uns días para estudiar esta situación porque debemos dicir que aínda que desde o Goberno municipal esiximos que todo o mundo cumpra as ordenanzas que a Corporación aproba e esta está aprobada desde hai anos, tamén somos conscientes de que Ribadeo non debe quedar sen mercado semanal. Nós eso non o podemos consentir, pero eso tampouco debe servir para unha imposición por parte dos ambulantes de ningunha maneira. Si é así nunca aceptaremos a risco de que se perda o mercado, pero tamén somos conscientes do contrario”.

O alcalde de Ribadeo sinala que “non queremos que se perda o mercado e faremos todo o que estea na nosa man dentro da legalidade, das ordenanzas vixentes… e ata este momento entendemos que actuamos da maneira máis nobre, máis lexítima e máis honrada que podemos facer”.

Exit mobile version