CERVO .- O goberno municipal de Cervo aprobou en solitario unha moción urxente solicitando a declaración de zona catastrófica para a comarca por parte do goberno central. A iniciativa presentouna durante a sesión plenaria o grupo municipal popular.
A corporación tamén acordou, por unanimidade, o novo proxecto da rede de saneamento para San Ciprián e a cesión das instalacións do Centro de Saúde de Cervo ao Sergas.
Nota de Prensa
A moción do PP foi aprobada hoxe por trámite de urxencia cós votos do grupo de Goberno local
O PsdeG NÉGASE A APOIAR NO PLENO MUNICIPAL A DECLARACIÓN DE ZONA CATASTRÓFICA PARA CERVO
Cervo, 2 de febreiro de 2009.- O grupo municipal do PsdeG-PSOE de Cervo negouse a apoiar a moción urxente presentada durante a sesión plenaria de hoxe polo grupo municipal popular na cal se solicitaba a declaración de zona catastrófica para a comarca por parte do Goberno Central. Na moción -que finalmente saíu adiante cos votos favorables do grupo de Goberno Municipal e a abstención do PsdeG- tamén se solicitaba á Xunta e ao Goberno Central o establecemento de axudas inmediatas para compensar os danos causados polo temporal de vento na Mariña e a posta a disposición por parte destas dúas Administracións dos medios necesarios para solucionar as consecuencias deste efecto meteorolóxico.
Para os populares a abstención socialista -o concelleiro do BNG non asistiu ao Pleno- escudándose no acordo adoptado o xoves pasado no Consello da Xunta e nunha suposta imposibilidade de declarar a comarca coma zona catastrófica non é máis que unha mostra máis “do abandono e da falta de respecto ao que teñen sometidos aos habitantes deste municipio e de toda a comarca”.
Segundo o PP, as axudas anunciadas por Touriño non son máis que un “brinde ao sol” que dificultará o cobro das subvencións e deixará “nunha tea de araña administrativa” aos afectados ao obrigalos a formalizar a tramitación das subvencións en cada unha das consellerías “en lugar de facelo de xeito centralizado a través dunha única orde de axudas”. Ademais salientaron que o decreto dado a coñecer por Touriño é “un calco” aos publicados para outros sinistros coma os incendios e as riadas acaecidas nos últimos anos “e onde aínda existen damnificados esperando recibir as súas compensacións económicas”.
No debate do punto os populares cervenses lembráronlle tamén aos seus homólogos socialistas a falta de coordinación e de liderazgo da Xunta e da Deputación á hora de asumir as tarefas de coordinación e apoio nos distintos municipios. Salientaron que “a día de hoxe e despois de dez días” aínda non se puxeron en contacto có Concello ningún representante da Xunta ou da Deputación. “Houbo máis despregue de medios nas visitas de Touriño e Besteiro á comarca que nos días do temporal” aseguraron. Neste senso botaron en falta máis visitas de representantes de menor rango das administracións aludidas (Xunta e Deputación) “coma técnicos ou brigadas de operarios”, en lugar de “tanto circo mediático”.
PLENO
Ao marxe deste punto (o que maior debate suscitou na sesión de hoxe) os edís presentes tamén acordaron por unanimidade ceder as instalacións do Centro de Saúde de Cervo ao Sergas. En opinión do grupo municipal popular este acordo suporá unha mellora para as arcas municipais, á vez que clarifica “dunha vez por todas” o cadro de competencias das distintas administracións implicadas nesta cesión.
De igual xeito (por unanimidade) aprobouse tamén o novo proxecto da rede de saneamento para San Ciprián. O proxecto inicial estivo paralizado polo bipartito pola esixencia dos responsables cervenses de facer un cambio de situación da estación depuradora. Esta esixencia provocou a elaboración deste novo proxecto agora aprobado có que se ven a dar solución aos problemas de saneamento na conca baixa do río Cobo.
VOTO EMIGRANTE
Onde non houbo coincidencia de criterios foi no tocante á proposta da alcaldía solicitando a reforma do sistema do voto dos residentes ausentes ao obxecto de garantir que a emisión do voto dos emigrantes galegos se faga de xeito claro e coas garantías institucionais que marca a Constitución Española e o Estatuto de Autonomía de Galicia. Esta moción saíu finalmente adiante có único apoio dos membros do grupo de goberno.
PAC
Os socialistas tampouco quixeron apoiar a moción popular sobre a solicitude de reforma da actual Política Agraria Comunitaria (PAC). Os populares salientaron na rolda de intervencións a necesidade de traballar na reforma deste articulado comunitario “para combater a sangría de desaparicións” de explotacións agrarias galegas. Neste senso salientaron que nos últimos catro anos pecharon máis de 3.00 explotacións agrarias galegas; mentres que cos acordos de descapitalización da cota láctea “o sector gandeiro perderá toda a inversión feita e o traballo de moitos anos”.