Site icon Crónica3.com A Mariña

O concello de Cervo informa que os danos do Klaus ascenden a 709.012 euros

CERVO .- A oficina habilitada o pasado 26 de xaneiro polo Concello de Cervo para asesorar aos afectados do ciclón “Klaus” leva tramitado unha vintena de solicitudes de axudas de veciños diante da Xunta de Galicia, mentres que nos seus arquivos figuran 134 valoracións de danos feitos por empresas e particulares. A xuízo do alcalde Cervense, Alfonso Villares, esta desproporción entre o número de valoracións feitas polos afectados e as solicitudes formalmente tramitadas é a proba de que os veciños sons conscientes de que as axudas da Xunta non son suficientes para cubrir todas as pérdas.

Segundo Villares, pasadas dúas semanas dende a publicación no DOG das axudas por parte da Xunta para paliar as perdas do ciclón “Klaus”, a xente está comprobando que na gran maioría dos casos non poderán percibir ningunha compensación e por iso desisten en formalizar as súas solicitudes diante das distintas consellerías. “Hai que lembrar” -sinalou o alcalde- “que a contía máxima a percibir por danos en vivendas só pode acadar os 3.000 euros”. Tamén lembrou que esta liña de subvencións non inclúe danos e perdas de alimentos conxelados, nin compensacións por cese da actividade comercial; “nin tampouco hai axudas para a retirada ou a compensación de danos pola caída de árbores e plantacións” recalcou.

Con este grao de cobertura tan limitado “e tan lonxe da realidade da sociedade galega” é comprensible para o alcalde cervense que a xente estea desmoralizada e decepcionada. “As persoas que carecían de seguro contaban con poder recibir algún tipo de compensación que paliase en parte os desperfectos e perdas nas súas vivendas e nas súas terras, pero a medida de que van vendo os requisitos que lles esixen para optar ás subvencións dánse de fociños coa grúa realidade: que as axudas anunciadas a todo volume pola Xunta non son máis que outra propaganda institucional máis” aseverou Villares.

Na opinión do primeiro edil cervense, se A Mariña se houbera declarado coma zona catastrófica “tal e coma estivemos demandando neste Concello dende o día despois da traxedia” non ocorrería o que está a acontecer neste momento. “Sendo cualificados coma zona catastrófica todos os damnificados terían garantido axudas económicas, pero parece ser que iso non lles interesa aos que din ser progresistas” sinalou Villares en alusión ao bipartito galego e ao Goberno do Estado.

RECONTO DE DANOS

Dende a publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) das distintas ordes de axudas da Xunta para optar a subvencións por danos ocasionados polo ciclón “Klaus” o Concello de Cervo leva atendido 234 consultas de veciños e empresas. Neste tempo a grande maioría de consultas atendidas ata o momento (183) están relacionadas con danos en tellados, cornisas, fachadas, etc… de vivendas particulares e edificios; mentres que o resto refírense ás axudas da Consellería de Industria (37) por danos en establecementos comerciais; e da Consellería de Medio Rural, por danos en explotacións forestais, agrícolas e gandeiras (14).

Ademais destas consultas, ata o momento se teñen formalizado 112 reclamacións oficiais na Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) contra a empresa BEGASA solicitando desta subministradora de enerxía eléctrica compensacións económicas polos corte de luz sufridos durante o temporal.

709.012 EN EUROS PERDAS

Por outra banda, o Concello mantén en funcionamento dende o pasado día 26 de xaneiro unha oficina para recabar información dos danos do Klaus no termo municipal. Ata o momento son 134 as persoas particulares e empresas que se teñen achegado a estas dependencias para facilitar un reconto dos seus danos. O montante total dos danos valorado polos propios afectados ascende a 709.012 euros; dos cales 266.461 corresponden a valoracións feitas por empresas; mentres que o resto (442.551 euros) son de particulares.

Segundo os datos desta oficina, a maioría de danos denunciados (70%) son debidos a desperfectos na vivenda e pola falta de subministro eléctrico (perda de alimentos). O resto de danos reportados son pola inactividade profesional e comercial a causa da falta de electricidade (20%); e por danos forestais (10%)

Exit mobile version