NOTA DE PRENSA:
O CONCELLO LEMBRA AO PSdeG QUE O VERTEDOIRO INCONTROLADO DENUNCIADO POR ELES PROVÉN NA SÚA MAIORÍA DE OBRAS DA ADMINISTRACIÓN SOCIALISTA
Cervo, 12 de febreiro de 2009.- O Concello de Cervo -a través do seu concelleiro de Medio Ambiente, Antonio Basanta- anunciou que os refugallos depositados na zona da Veiga en San Ciprián xa están sendo retirados polas empresas responsables dos vertidos. Basanta sinalou que “máis do 70 por cento” dos cascotes alí acumulados proveñen de obras realizadas pola demarcación provincial de Costas na península da Paz, “polo que non estaría de máis que os socialistas se informaran antes de demonizar ao concello con denuncias trabucadas de destinatario” ironizou.
Segundo Basanta os socialistas volven a “trabucarse de porta” á hora de pedir responsabilidades e recoméndalles que “se enteren” antes de “criminalizar sistematicamente” todas as xestións municipais. “Resulta que é unha empresa contratada por un organismo do Ministerio de Medio Ambiente quen infrinxe as súas propias normas ao depositar refugallos nunha zona de dominio público marítimo–terrestre, e aínda por riba para eles (en alusión aos socialistas) é o Concello que ten a culpa” dixo o edil cervense.
Basanta demandou dos concelleiros do PSdeG–PSOE máis traballo a prol do concello e dos seus veciños e veciñas; e que apliquen o seu “furor de denuncia” en reclamar un mellor trato para os cidadáns que habitan na zona costeira do termo municipal por parte da Dirección General de Costas, xa que estes “ven como as restricións da Lei de Costas lles son aplicadas de maneira tallante cando é a propia entidade ambiental do litoral quen ás veces non as observa”.
DEMANDA DE ACTUACIÓNS
O edil de Medio Ambiente sinalou tamén que o lugar de depósito dos refugallos “ben serviría para situar un espacio de ocio e esparexemento; ou mesmo, de ser posible, dunha área de aparcamento de autocaravanas”, polo que pediu dos socialistas que invistan nesta zona “parte dos 600.000 euros que prometeron para outras obras durante a campaña electoral das municipais e que nunca chegaron a San Ciprián” ou que aproveiten as visitas electoralistas dos responsables de Costas para solicitar a mellora e acondicionamento do borde litoral entre a Veiga e Portelo.
DEPÓSITO DE REFUGALLOS INERTES
A respecto dos vertidos de residuos denunciado polos edís do PSdG-PSOE, o concelleiro popular lembrou que, meses despois de pechar debido á súa saturación o único vertedoiro comarcal de inertes que existía en Xove, veciños, empresas e administracións locais seguen verse con problemas para desfacerse dos refugallos de obras. Por iso, cominou aos socialistas a demostrar a súa implicación có medio ambiente reivindicando “de xeito claro e sen medias tintas” a apertura dun novo vertedoiro de inertes na Mariña para evitar que as entidades locais teñan que empregar fondos e tempo en loitar contra os vertedoiros non autorizados debido á inacción e despreocupación da Consellería de Medio Ambiente, rexida polo socialista Manuel Vázquez, en xestionar e pór en marcha unha nova infraestructura de recollida de refugallos da construción.