Nota de Prensa
O cabeza de lista do BNG interviu hoxe nun mitin en Viveiro xunto ao número tres da candidatura, Manuel Parga
FERNANDO BLANCO AFIRMA QUE RAJOY VEN A LUGO “A TAPAR AOS CANDIDATOS DO PP POR ESTA PROVINCIA”
O candidato nacionalista critica a “tourné” do lider do PP onte pola Mariña e afirma que Rajoy “ven polos votos, non a resolver nada porque cando foi vicepresidente do Goberno non fixo nada pola provincia de Lugo”
Fernando Blanco anuncia a creación nos vindeiros 4 anos de 1.000 empregos vinculados aos servizos sociais na provincia de Lugo
Viveiro, 22 de febreiro. O cabeza de lista do BNG pola provincia de Lugo, Fernando Blanco, criticou esta mañá en Viveiro a “tourné” do líder do PP en Madrid onte pola Mariña. Nun mitin no Teatro Pastor Díaz de Viveiro, xunto ao número tres da lista, Manuel Parga, Fernando Blanco afirmou que “Rajoy ven agora que non pode resolver nada, pero cando foi vicepresidente do Goberno nin viña nin fixo nada pola provincia de Lugo”, insistíu. “Ven polos votos, non a resolver nada”, reprochoulle o cabeza de lista do BNG.
O candidato nacionalista criticou “as comparsas de ministros e mandamais do PP e do PSOE en campaña”, aos que acusou de “vir á provincia de Lugo no entroido en procesión”. “Onte Rajoy puxo os pés na Mariña, pero seguía tendo a cabeza en Madrid”, criticou o cabeza de lista do BNG. “A nós non nos fai falla vir á Mariña cando hai eleccións, porque nós estamos continuamente na Mariña”, dixo Fernando Blanco.
O cabeza de lista do BNG dixo que Rajoy “ven a Lugo a tapar aos candidatos do PP por esta provincia”. “E é comprensible –dixo Fernando Blanco– porque con propostas como a da cabeza de lista do PP por Lugo, que parece que quere pechar o Centro Tecnolóxico da Pesca de Porto Celeiro porque di que non vale para nada, non me extraña que teña que vir Rajoy a tapala”, afirmou esta mañá en Viveiro o cabeza de lista do BNG.
Fernando Blanco dixo que “para defender os intereses da comarca da Mariña e da provincia de Lugo ninguén mellor que o BNG”. O cabeza de lista do BNG puxo como exemplo o problema de Alcoa coa tarifa eléctrica, que ameza o futuro da factoría de San Cibrao e indicou que “fomos os primeiros que lle reclamamos ao Ministerio unha solución”.
O candidato do BNG afirmou que “cando nós vimos á Mariña non vimos, coma outros, coas mans baleiras”, contrapuxo Fernando Blanco. Neste sentido, o cabeza de lista do BNG destacou “o traballo que o BNG fixo na Xunta nestes catro anos por concellos como o de Viveiro”, onde se abriu unha galescola e un centro de alzheimer na Casa do Mar, que estaba infrautilizada, e onde se puxo en marcha o Centro Tecnolóxico da Pesca para converter os portos da Mariña nos portos de referencia de todo o Cantábrico, citou o candidato do BNG.
1.000 empregos vinculados aos servizos sociais nos vindeiros 4 anos na provincia de Lugo
Fernando Blanco referiuse tamén en Viveiro á próxima apertura dunha residencia de maiores con 150 prazas e indicou que “ademais de servir para incrementar os servizos para os nosos maiores, vai a servir para crear emprego, porque na residencia de Viveiro vanse crear 100 postos de traballo”. Neste sentido, o cabeza de lista do BNG anunciou que na vindeira lexislatura crearánse na provincia de Lugo 1.000 empregos vinculados aos servizos sociais.
O cabeza de lista do BNG referiuse tamén ao polígono industrial de Viveiro, posto en marcha nesta lexislatura polo BNG na Xunta e criticou ao Partido Popular “por non ter planificado nos 16 anos que gobernaron nin un só metro de solo industrial para Viveiro”. Neste momento, destacou Fernando Blanco, hai na provincia de Lugo 4,5 millóns de metros cadrados de solo industrial en marcha con actuacións por toda a provincia, como o Polígono das Gándaras en Lugo, o Porto Seco de Monforte, a parque empresarial de Baamonde ou os de Viveiro, Cervo, Foz, Barreiros e O Valadouro na Mariña. O candidato nacionalista explicou que “o BNG creou máis solo industrial en só 4 anos que o PP en 16”.
“A crise é como o Titanic e o PP quere salvar aos de 1ª clase”
O número 3 da lista do BNG, Manuel Parga, afirmou na súa intervención no mitin que “a estas eleccións preséntanse dous modelos ben diferentes: o modelo do Partido Popular e o modelo do Bloque Nacionalista Galego”, dixo. Puxo como exemplo as propostas de cada forza política para a actual situación económica e afirmou que “nesta crise o Partido Popular é o catastrofismo, estanos a anunciar o afundimento do Titanic, e como no Titanic, quere salvar coas súas propostas de despido libre e baixadas de impostos aos máis ricos aos que viaxan en 1ª clase para que a crise, como o afundimento do Titanic, a sufran os máis desfavorecidos, os traballadores e traballadoras, os que viaxamos en 3ª clase”, comparou.
Tamén se referiu ao problema das vivendas do Celeiriño, en perigo de derrubo por unha obra privada, e afirmou que “o BNG estivo ao lado dos veciños”. “Tivo que ser o BNG a través da Consellería de Vivenda o que tivo que resolver o problema”, dixo Manuel Parga, quen asegurou que “no BNG queremos máis avances porque non nos conformamos con xestionar as miserias que xestionaba o Partido Popular”.