Site icon Crónica3.com A Mariña

O cabeza de lista do BNG di reafirmar o seu compromiso con A Mariña con dez medidas para a comarca

Nota de Prensa

O cabeza de lista do BNG fixo pública hoxe a súa declaración de compromiso coa comarca a bordo dun barco no Porto de Viveiro

FERNANDO BLANCO REAFIRMA O SEU COMPROMISO COA MARIÑA CON 10 MEDIDAS PARA A COMARCA

Inclúe o remate das infraestruturas pendentes, a creación en San Cibrao dun gran porto comercial para a comarca, a posta en marcha dun ferrocarril de cercanías entre Ribadeo e Viveiro, a instalación dunha base de salvamento marítimo na Mariña, a creación de insdustrias de transformación nos sectores pesqueiro, agrogandeiro e forestal e o potenciamento dos servizos sanitarios e de servizos sociais

Viveiro, 24 de febreiro. O cabeza de lista do BNG pola provincia de Lugo, Fernando Blanco, reafirmou hoxe o seu “compromiso coa Mariña” nun acto no Porto de Viveiro no que fixo público un documento con 10 medidas para a comarca que se compromete a pór en marcha dende o Goberno da Xunta nos vindeiros 4 anos. Fernando Blanco defendeu que os vindeiros anos deben servir para o “despegue definitivo da Mariña como motor económico da provincia de Lugo”.

O candidato nacionalista criticou a PP e PSOE por “vir á provincia de Lugo a falar dos seus líos en Madrid” e afirmou que “só o BNG está a facer propostas nesta campaña”. Neste sentido, insistíu en que o decálogo presentado hoxe polo BNG para a comarca supón “un compromiso político do BNG coa Mariña e un compromiso persoal de Fernando Blanco para executado”.

O paquete de medidas presentado hoxe por Fernando Blanco inclúe o remate das infraestruturas pendentes na comarca, á posta en marcha de industrias de transformación pesqueira, a creación dunha base de salvamento marítimo na Mariña, a instalación dunha oficina do CIS-Madeira en Lourenzá, a creación do Grupo Lácteo Galego en colaboración coa cooperativa Os Irmandiños, a mellora do sistema sanitario da comarca para reducir as listas de espera, o apoio ao peche de ciclos produtivos en Alcoa, a posta en marcha do Consorcio Turístico da Mariña, a creación dun porto comercial en San Cibrao, a posta en funcionamento dun ferrocarril de cercanías entre Ribadeo e Viveiro aproveitando a vía do Feve e a extensión do Sistema Galego de Benestar a todos os concellos da comarca mediante a creación de centros de día, galescolas e residencias de maiores e a universalización dos servizos de transporte adaptado e xantar na casa para as persoas maiores.

A bordo dun barco no Porto de Celeiro, e acompañado de cargos públicos e orgánicos do BNG na comarca, Fernando Blanco deu lectura á chamada Declaración da Mariña.

(NOTA: Inclúese o texto íntegro da chamada ‘Declaración da Mariña’ e enviaránse fotografías e corte de voz  de Fernando Blanco hoxe a bordo dun barco en Viveiro)

‘DECLARACIÓN DA MARIÑA’

A acción de Goberno do Bloque Nacionalista Galego nestes catro últimos anos non só trouxo asociado importantes melloras na calidade de vida dos homes e mulleres da Mariña senón que evidenciou o compromiso dos nacionalistas con esta comarca.

Catro anos de goberno que deixaron ás claras que as propostas electorais do BNG convértense en feitos cando temos responsabilidades gobernativas. Catro anos de Goberno na Xunta que deixaron claro que nós cumprimos. Catro anos nos que non houbo ningunha problemática da comarca da Mariña que fose allea ao BNG e para a que o BNG non puxera solucións riba da mesa.

Poren queremos máis, porque A Mariña merece máis. Nesa liña, queremos facer patentes os compromisos do BNG co norte lugués, queremos, xa que logo, reeditar o CONTRATO DOS NACIONALISTAS COS CIDADÁNS DA MARIÑA PARA OS VINDEIROS CATRO ANOS:

1-    Garantimos o remate das obras en todos tramos do Corredor Barreiros–Ferrol no horizonte de 2011 así como a mellora da rede viaria interna da Mariña (estrada Reme–Vilamar, estrada Riotorto–A Pontenova e estrada Valadouro–Viveiro).

2-    Garantimos o noso compromiso de traballar nos próximos catro anos para dotar á Mariña dun gran porto comercial para o tránsito marítimo de mercadorías que sirva tamén ao conxunto da provincia de Lugo. Neste camiño, reclamaremos a transferencia a Galiza dos portos de interese xeral a fin de liberalizar o dique norte do Porto de Alcoa, garantiremos un plano de dotacións e racionalización de usos dos portos da Mariña e un novo sistema tarifario que homologue o prezo das descargas no conxunto dos Portos Galegos.

3-    Garantimos para as Comarcas da Mariña, Ortegal e Ferrolterra un ferrocarril de usos mixtos, de dobre vía electrificado, cunha velocidade media de 150 Km/H así como a posta en marcha das cercanías ferroviarias na Mariña aproveitando a liña de FEVE entre Ribadeo e Viveiro mediante a constitución dunha Compañía Ferroviaria Galega.

4-    Garantimos maiores dotacións en medios humanos e materiais para o Hospital da Costa así como nos PAC e as Unidades de Atención Primaria, vencellado a un novo mapa sanitario na Comarca, que reduza as listas de espera, aumente o tempo de atención e racionalize a asistencia sanitaria.

5-    Garantimos 300 prazas de Residencia e Centros de Día para maiores, 200 prazas de Galescola e 40 prazas de Centros de Alzheimer antes de que remate ano, así como a extensión dos servizos de transporte adaptado e xantar na casa para persoas maiores, xeneralizando o sistema galego de benestar ao conxunto dos Concellos da Comarca e creando deste xeito 500 empregos vinculados a estes servicios nos vindeiros catro anos na comarca da Mariña.

6-    Garantimos o noso apoio ao sector pesqueiro da Mariña co obxectivo de converter os portos de Burela e Celeiro nos referentes da pesca en toda a cornixa cantábrica. Para iso garantimos o noso apoio decidido á mellora da rede de comercialización a fin de aumentar o prezo das pesquerías, a creación de novos productos ligados a innovación mediante o apoio ao Centro Tecnolóxico da Pesca de Viveiro e ás empresas de transformación da Comarca, así como a instalación na Mariña dunha Base de Salvamento Marítimo que dea unha rápida resposta en caso de sinistro no mar.

7-    Garantimos unha aposta decidida polo complexo agroforestal  comprometendo prezos dignos para o leite e carne, apostando pola incentivación de producións hortícolas de alto rendemento e garantindo un contrato mínimo para a madeira así como o aumento do seu valor engadido. Para iso, comprometemos a apertura dunha oficina do CIS-Madeira en Lourenzá que busque novas aplicacións e abra novos mercados á industria de transformación da madeira, así como a creación na vindeira lexislatura dun Grupo Lácteo Galego na que a cooperativa Os Irmandiños terá un papel protagonista.

8-    Garantimos a constitución en dous meses do Consorcio Turístico da Mariña, que execute as liñas mestras do Plan Estratéxico de Turismo, permitindo a desestacionalización da actividade, cunha oferta variada que poña en valor o noso patrimonio artístico e natural, partindo da consideración do norte de Lugo como un todo. Garantimos a aposta polo Camiño Norte e a súa promoción preferente co gallo do Xacobeo 2010.

9-    Garantimos a posta en marcha de instrumentos financeiros públicos como a creación dun Instituto de Crédito Oficial e unha banca pública galega que permitan transferir liquidez a autónomos e pequenas e medianas empresas, sen pasar polo filtro das entidades financeiras privadas, na perspectiva de permitir a continuidade dos proxectos empresariais actuais e a posta en marcha doutros novos e sempre co obxectivo prioritario do mantemento do emprego.

10-    Garantimos a participación do sector público no mantemento e na posta en marcha de proxectos industriais estratéxicos que permitan fechar ciclos productivos na comarca, nomeadamente naqueles sectores vinculados ao complexo agrogandeiro, pesqueiro, pizarreiro, forestal e do aluminio na factoría Alcoa de San Cibrao que posibilite a creación de 1.000 postos de traballo na comarca. E garantimos a posta en marcha na vindeira lexislatura dun marco galego de relacións laborais que permita a homologación salarial no ámbito galego e a súa progresiva converxencia coa media do Estado español a fin de aumentar o poder adquisitivo dos traballadores e a mellora das súas condicións laborais.

Este vai ser o noso traballo e o noso compromiso coa comarca da Mariña. O BNG é o mellor valor para a Mariña a garantía do cumprimento deste contrato cos cidadáns da comarca.

Exit mobile version