Site icon Crónica3.com A Mariña

O borderío imparable

por Otero Regal

Esta fin de semana cedín -outra vez- aos impulsos consumistas que me atacan de cando en vez e fun de rebaixas. Non esperaba atopar gangas (o que queda a estas alturas de tempada non se vendeu porque non convenceu a ninguén antes) pero algún desconto interesante sempre se pode atopar.

Todo ben, a non ser por un par de dependentas incompetentes coas que me atopei. Imaxino que, despois da campaña de Nadal, as rapazas chegan cansas ás rebaixas e están fartas de clientes ignorantes. Pero eu nunca souben cal é o meu talle. De nada. Nin de camisas nin de pantalóns nin de zapatos. Unha boa dependenta debería ser capaz de saber o talle do tipexo que ten en fronte cunha simple ollada. Pois non. En lugar disto, sóltanme:

Se ti non sabes que número usas, imos arranxados. ¿Que esperas? ¿Que che traia un par de zapatos de cada número?

¿Iso é formas de tratar un cliente? Non contestei. Dinme a volta e saín da tenda pola porta que tiña xusto detrás. Cando a porta se estaba a pechar ás miñas costas, oín esa niñata que dicía: “¡ Que borde “! “. Agora resultará que o borde son eu. Funme sen dicir nada precisamente para non soltar a lista de improperios que se me pasou pola cabeza. Pechada a porta, non me contiven e estiven cinco minutos recordando a toda a súa familia.

E é que o mundo dos servizos está moi falto de profesionais. Permitídeme outro exemplo, hai pouco fixen unha obra . Tiña un problema de desaugadoiro e fixen vir ao contratista para que o arranxase. Despois de analizalo, vai o tío e di: Pois isto vaille quedar así. Arranxalo leva moito traballo e eu teño outra obra agora.

¿E a min que coño me importa se tes outra obra? Se fixesen as cousas ben dende un principio, non se lles solaparían as tarefas. ¿É que ditos como “o cliente sempre ten a razón” ou “pagando, San Pedro canta” xa quedaron desfasados?

Por curiosidade, mirei nun portal de ofertas de emprego e vexo que a amabilidade segue sendo demandada nas empresas:

BUSCAMOS: Unha persoa amable, cordial no trato, organizada, responsable e resolutiva, con gusto por realizar este tipo de funcións.

Se de cando en vez nos topamos con dependentes chungos non é porque as empresas fagan mal a súa selección de persoal, senón porque cada vez é máis difícil atopar persoas ben educadas.

Cabréame todos os que se dedican aos servizos sendo bordes. Atender un cliente significa saber xestionar a relación que se ten con el. Suponse que, ademais da venda ocasional, se procura dar un servizo de calidade, co obxectivo de fidelizar e reter os clientes. A maioría de profesionais deste sector están moi lonxe de saber coidar os seus clientes. Non se dan conta de quen lles está a dar de comer.

Exit mobile version