NOTA DE PRENSA (FNC)
O BNG CRITICA AOS QUE POÑEN POR DIANTE O SEU INTERÉS POLÍTICO, ELECTORAL E ECONÓMICO. OS NACIONALISTAS SON ESCÉPTICOS CO CONVENIO QUE PODERÍA DESBLOQUEAR A PARÁLISE URBANÍSTICA QUE SOFRE O CONCELLO.
Barreiros, 3 de febreiro de 2009. O BNG de Barreiros amósase escéptico con ese convenio que poderían asinar Concello, Xunta e promotores inmobiliarios para desbloquear a parálise urbanística que sofre o concello. Antonio Veiga di que “á vista das declaracións efectuadas estes días por parte do alcalde, por parte da Consellería de Política Territorial e por parte dos promotores, confírmase o que o BNG dixo días pasados. Ninguén pon enriba da mesa o que piden os veciños e o que necesita o pobo de Barreiros que foi o que sempre defendeu o BNG. Os nacionalistas aseguran que “ninguén respostou a estas alturas á pregunta que nos facíamos a semana pasada… ese suposto convenio para ese suposto levantamento da suspensión das normas ¿vai significar que se vai executar o convenio da auga? ¿vai significar que se vai garantir o suministro eléctrico, que se vai garantir o saneamento en todo Barreiros? ¿vai significar que se van garantir uns viais en condicións? Desde logo que ninguén se atreve a falar disto. Esto é o que realmente lles preocupa aos veciños, nin máis nin menos. Aos veciños non lles preocupa que unha promoción se venda ao 50% ou ao 25%, os veciños o que queren é os servizos que lles corresponden por lei e que no seu día pola connivencia do Concello os encargados das promocións non lles deron”.
Veiga Outeiro engade que “nada cambiou, polo que se ve nas declaracións duns e doutros, de dous anos para aquí. Eso sí, cambiaron as formas de ver as cousas agás no BNG que segue a defender xustamente o mesmo que defendíamos hai dous anos por enriba de calquera previsión electoral como fan outros que nadan e gardan a roupa poñendo sempre por diante o seu interés político, o seu interés electoral e outros o seu interés económico. Desde logo que o BNG seguirá firme na súa postura mentras non lles resposten a esas preguntas que plantexamos. Entendemos que ese suposto convenio, o di incluso o popio alcalde e o di a Xunta, nada vai cambiar nin nada vai garantir estes servizos”.
O voceiro do BNG en Barreiros sinala que “outras preguntas que se fan os veciños e que este convenio non lles garantiza é ¿qué vai pasar con aquelas persoas que deron un adianto para o piso? ¿qué vai pasar con aqueles aos que lles prometeron unha permuta de terreos por pisos ademáis de pagarlles en metálico? Tampouco respostaron si o prezo da vivenda será máis asequible en Barreiros. Mentras non nos contesten a todas estas preguntas seguiremos sendo escépticos, pero ao mesmo tempo seguiremos defendendo que antes dos edificios hai que poñer en marcha os servizos para que os barreirenses teñan unha boa calidade de vida”.