NOTA DE PRENSA:
O ALCALDE PON EN PERIGO UN INVESTIMENTO PARA DOTAR DE HERBA ARTIFICIAL AO CAMPO D´O CEMBEDO.
Na última sesión de Pleno do Concello de Viveiro, o alcalde Sr. Roel, nunha das súas habituais manobras de distración, consiguiu retrasar un investimento da Área de Deportes da Deputación Provincial que ten consignado un investimento para dotar ao campo de fútbol d´O Cembedo de herba artificial.
Isto contribue a que a situación do Concello de Viveiro se deteriore día a día. Cun Roel que se alporiza cando alguén mantén posicionamentos que non son coincidentes coa súa desnortada xestión. Non hai máis que seguir unha sesión de Pleno. El asúmeo todo. Na última mantivo ao seu concelleiro de Deportes mudo. E arremeteu contra o discrepante—neste caso o BNG—utilizando a mentira.
O Bloque Nacionalista Galego diríxese por medio desta nota aos veciños e veciñas de Viveiro e nomeadamente ás entidades deportivas que veñen utilizando a diario as instalacións do campo de fútbol d´O Cembedo. Queremos puntualizar o seguinte.
1º.-O BNG que ten a responsabilidade da Área de Deportes da Deputación Provincial de Lugo, conta cunha partida orzamentaria ( Capítulo VII. Transferencias a Concellos )—que Roel tratou de ocultar empregando artimañas demagóxicas—de arrredor de dous millóns de euros para dotar entre outros investimentos de herba artificial a dous campos de fútbol da provincia.
2º.-Esta partida orzamentaria dispúxose a raiz dunha visita de Antonio Veiga, deputado responsábel da Área de Deportes, ás instalacións d´ O Cembedo, feita en febreiro de 2008, comprometéndose diante dos monitores e pais da Escola de Fútbol a reservar a correspondente partida ( arredor de 450.000 euros ) para esta dotación.
3º.-Os colectivos que utilizan este campo de fútbol manifestaron o seu acordo con este investimento e coincidiron todos en que se debe facer canto antes. Cónstanos, tamén, que o suposto Delegado de Deportes, sr. Cal—por certo na sesión de Pleno non abriu a boca—estaba dacordo con esta obra de mellora e mesmo chegou a protagonizar un forte rife-rafe co alcalde nunha reunión anterior ao Pleno.
4º.-Pode o sr. Roel ficar como o campión no lanzamento de propostas chamativas ( ten escasa credibilidade) , pode seguir vendendo fume ( ten experiencia ),pode enfrontarse el soliño con todo quisqui (é un atrevido) pode ningunear aos seus supostos delegados ( hai evidencias ), pode seguir a marear a perdiz ( é o seu deporte favorito ), pode perder os papeis…
Tendo todo isto en conta, o Bloque Nacionalista Galego non vai deixar de actuar con coherencia. Vai a traballar con responsabilidade, como fixemos no Celeiriño.
5º.-Viveiro non pode permitirse o luxo de perder este investimento. A súa cuantía só chega para dotar de herba ao campo de fútbol d´O Cembedo. Aínda así o BNG apoiou—e seguirá a apoiar—as instalacións deportivas de Lavandeiras e en todo o Concello.