NOTA DE PRENSA (FNC)
O BNG DE FOZ VALORA DE XEITO POSITIVO QUE O CASTRO DE FAZOURO SEXA DECLARADO BEN CULTURAL. OS NACIONALISTAS CONSIDERAN QUE SE CONVERTIRÁ NUNHA REFERENCIA TURÍSTICA DE PRIMEIRA ORDE NA MARIÑA LUGUESA.
Foz, 18 de febreiro de 2009. O BNG de Foz congratúlase de que por parte da Consellería de Cultura (en mans nacionalistas) se procedese a rematar os trámites para que o Castro de Fazouro sexa declarado ben de interés cultural. Xoan Carlos González Basanta sinala que “isto é o que define a credibilidade e a palabra do Bloque Nacionalista Galego, xa que concorremos ás eleccións co compromiso de poñer en valor o Castro de Fazouro e aquí está esta importante nova”.
Os nacionalistas consideran que a declaración de BIC “vai permitir que un ben dun alto valor patrimonial que foi excavado na década dos 60 conte con garantías de protección ambiental e patrimonial. Esto traerá consigo que lle acheguen liñas de axudas que van permitir a conservación do xacemento, que se realicen novas descubertas e que esteña moito máis coidado do que o estaba a día de hoxe”. González Basanta engade que dita declaración “aumentará o atractivo turístico do concello de Foz e este contará cun paquete turístico máis completo na medida en que o castro de Fazouro vaise converter nunha referencia turística de primeira orde no conxunto da Mariña luguesa”.
O BNG de Foz insiste en que “este é un compromiso cos veciños de Fazouro e tamén significa a exemplificación do ADN, do xeito de facer política que ten o BNG. Nós non nos adicamos a facer anuncios que só quedan coma unha sinal na hemeroteca ¿qué pasou co campo de golf que se anunciou desde o equipo de goberno? ¿onde están outras tantas obras que se anunciaron do mesmo xeito? Quedáronse só neso en titulares de prensa, pero o estilo do BNG é outro ben distinto…aí está a nosa perseverancia e a nosa labor silenciosa. Agora agardamos que tomen boa nota dentro do goberno municipal e que mude a súa xenética e o seu ADN que se fundamentou na propaganda e en vender cousas que non se fixeron e Foz está onde está”.