Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Alfoz demanda axudas ao Estado para paliar os danos do temporal

NOTA DE PRENSA (FNC)

O BNG DE ALFOZ DEMANDA AXUDA AO GOBERNO DO ESTADO PARA PALIAR OS DANOS CAUSADOS POLO TEMPORAL NESTE CONCELLO.

Alfoz, 2 de febreiro de 2009. O BNG de Alfoz demanda axuda ao Goberno do Estado para paliar os danos causados polo temporal neste concello. Os nacionalistas exporán esta postura no pleno extraordinario que se vai celebrar mañá no Concello ás 12 do mediodía.

O BNG sinala que “varias zonas de Galiza teñen resultado afectadas por importantes danos e perdas nos servizos, vivendas, industria, agricultura, gandería, ou medio ambiente, a consecuencia do forte temporal cuxa intensidade máxima se proxuxo nos días 23 e 24 de xaneiro. En consecuencia, resulta imprescindible adoptar urxentemente un conxunto de medidas para acomodar a actuación da Administración Pública nas zonas máis afectadas, para contribuír ao restablecemento da normalidade, regulándose procedementos que garantan, de forma flexíbel e rápida, o finanzamento dos gastos de reparación dos danos producidos”.

O voceiro nacionalista en Alfoz, Iván Marrube considera que “a solicitude de zona catastrófica para este concello é unha iniciativa en desuso. Ante as catástrofes naturais acontecidas nos últimos anos, gobernos dunha ou outra cor optaron pola aprobación de reais decretos de axuda específicos para cada caso. Neste sentido, o xoves 29 de xaneiro, o Consello da Xunta ven de aprobar un decreto urxente de medidas extraordinarias, onde destaca, por exemplo, os catro millóns de euros destinados a actuacións no rural”.

Marrube sinala que “incidir na solicitude de declaración de zona catastrófica constitúe un debate nominalista arredor dunha fórmula administrativa anacrónica, que carece de cobertura legal específica, e que está en desuso por presentar múltiples problemas na concreción práctica das medidas reparadoras entre os que podemos citar: a incidencia negativa que tiña na solicitude de indemnizacións dos danos ás compañías aseguradoras coas que os afectados tiñan concertadas pólizas de seguro, ao aparecer como non suxeitos á cobertura das mesmas os danos producidos por un suposto de forza maior, imposible de prever e inevitable, que era o que tradicionalmente se asociaba á declaración de zona catastrófica. E os efectos negativos que, en materia de promoción turística, produciría a declaración de zona catastrófica nos municipios afectados”.

O BNG de Alfoz manifesta que “en conclusión, máis que entrar en debates nominalistas, que pouco ou nada poden aportar á reparación dos danos sofridos, débese solicitar do Goberno do Estado que acompañe o esforzo realizado pola Xunta para paliar as consecuencias do temporal, deseñando medidas que complementen esta iniciativa e sexa acorde ás necesidades reais dos municipios afectados, contribuindo, por tanto, á reparación total dos danos”.

Exit mobile version