Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG da Mariña afronta as eleccións con ilusión

NOTA DE PRENSA (FNC)
O BNG DA MARIÑA AFRONTA AS ELECCIÓNS DO 1 DE MARZO CON MOITA ILUSIÓN POLAS ESPECTATIVAS EN CANTO A RESULTADOS.

A Mariña, 12 de febreiro de 2009. Tras asistir á pegada de carteis do BNG da Mariña en Burela, o nº 3 da lista pola provincia de Lugo sinalou que “o Bloque Nacionalista Galego na comarca inicia a campaña con moita ilusión, porque as espectativas que temos de resultados para as eleccións do día 1 de marzo son dun importante aumento da representación do BNG. Enfrontamos esta campaña con moitas gañas, porque queremos máis cambios, queremos avanzar máis. A nosa pretensión é que o nacionalismo lidere o próximo goberno galego”.

Os nacionalistas “queremos facer un chamamento a toda a cidadanía para que teña moi claro o que nos xogamos o vindeiro día 1 de marzo. Levamos moitos proxectos realizados na comarca, hai outros moitos que están proxectados e que se van materializar nos vindeiros meses e anos, porque nós iniciamos unha nova política de vivenda, unha nova política de servizos sociais para beneficiar á maioría da poboación, unha política industrial e proxectos enerxéticos, que van ter repercusión aquí, na nosa comarca. Polo tanto este cambio iniciado hai catro anos non pode nin debe volver ao pasado que representa o Partido Popular, que nos ofrece como espectativas seguir coa especulación en materia de vivenda, conxelación de salarios en tempos de crise, despido libre, e polo tanto o PP non é a alternativa nunha situación de crise económica”. Manuel Parga considera que “hai que apostar polos nosos sectores productivos, por beneficiar ás persoas que máis van sufrir esta situación de crise que estamos a pasar, por ter proxectos encamiñados para que cando saiamos da crise poder encarar o futuro e desenvolver a economía de Galiza coas mellores perspectivas”.

O candidato nacionalista dixo que “somos conscientes de que queda moito que facer en moitísimos campos e os nacionalistas queremos que os cambios iniciados tamén cheguen con maior rapidez ás infraestructuras, á educación, á sanidade, … Queremos que os problemas laborais teñan outro marco distinto de resolución, onde os traballadores teñan poder adquisitivo, que é algo fundamental para movilizar o consumo. En definitiva, chamamos nesta ocasión, con máis forza si cabe que nunca, á movilización e á participación de toda a cidadanía da Mariña, porque nos xogamos non voltar atrás no futuro da Galiza. O Bloque Nacionalista Galego sempre estivo, está e estará cerca da xente, aportando solucións aos seus problemas e apostando polo desenvolvemento económico e social da Mariña”.

Exit mobile version