Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG considera urxente ampliar o Hospital da Costa

NOTA DE PRENSA:
O BNG DA MARIÑA AVOGA PARA QUE SECTORES COMA O DA MADEIRA E O DA PESCA TEÑAN UN REFLEXO NO MAPA DA FP. OS NACIONALISTAS TAMÉN CONSIDERAN URXENTE AMPLIAR O HOSPITAL DA COSTA E AS SÚAS CONSULTAS ESPECIALIZADAS.

A Mariña, 11 de febreiro de 2009. Os candidatos do BNG da Mariña manterán un encontro esta tarde ás 18:30 horas no Mesón O Poeta de Burela cos traballadores dos servizos pOúblicos da comarca: ensino, sanidade, centros de día, residencias da terceira idade, galescolas… Manuel Parga explica que “queremos expoñer e facer un balance do traballo feito nas áreas que nós xestionamos directamente como foron os servizos sociais ou as galescolas e tamén dar conta das propostas para o ensino e a sanidade, dúas áreas que o BNG non desempeñou directamente nesta lexislatura”. O número 3 da lista do Bloque pola provincia de Lugo entende que “tanto en sanidade coma en ensino houbo avances salientables a respecto dos gobernos anteriores do PP aquí na nosa comarca. Houbo un importante impulso á mellora dos centros educativos, a parte das melloras globais que afectaron a todos os sectores”.

Os nacionalistas aseguran que “hai cuestións tanto en sanidade coma en ensino que é preciso mellorar na nosa comarca. No que respecta á rede de Formación Profesional necesita dun impulso máis decidido para enraizar e coordinar todas as actividades de FP co mundo empresarial. Sectores tan importantes coma o da madeira ou a pesca teñen que ter un reflexo no mapa da FP que dea saída e que estea encamiñado para ter posibilidade de traballo toda a xente que sae da Formación Profesional”.

Manuel Parga considera que “no ámbito sanitario hai cuestións pendentes que non van coa rapidez que nós desexearíamos… terían que mellorar a eficiencia dos servizos primarios de saúde á hora de contar con máis persoal e poder dar resposta coa maior brevidade posible creando puntos de atención continuada e racionalizando os existentes. E unha cuestión que está moi pendente e que consideramos que é necesario darlle un maior impulso unha vez que foi aprobado o plan director do Hospital da Costa… a asignatura pendente é acometer as ampliacións tanto en espazo en número de camas coma en consultas especializadas, é dicir darlle unha carteira de servizos máis ampla que convirta realmente ao Hospital da Costa nun hospital de referencia para toda a comarca”.

O BNG sinala que “os servizos públicos son unha oportunidade de creación de emprego, tamén de impulso nunha situación de crise coma a actual para fomentar a demanda, fomentar o consumo e que beneficie ao conxunto dos sectores económicos da comarca”.

Exit mobile version