NOTA DE PRENSA
O BNG FAI UNHA CHAMADA Á PARTICIPACIÓN MASIVA NAS ELECCIÓNS DO DOMINGO PARA CONTINUAR COAS POLÍTICAS XERADORAS DE BENESTAR SOCIAL E DE EMPREGO POSTAS EN MARCHA NESTES CATRO ANOS. OS NACIONALISTAS DESENVOLVERON MÁIS DE 100 ACTOS NA MARIÑA DURANTE ESTA CAMPAÑA.
A Mariña, 27 de febreiro de 2009. O BNG da Mariña fai “neste último día de campaña un chamamento a toda a cidadanía da comarca para que se movilice e participe o 1 de marzo nas eleccións nas que se decidirá o Goberno de Galiza e o seu parlamento e nas que polo tanto imos decidir quen vai gobernar os destinos do país durante os vindeiros 4 anos”. O nº 3 da lista do BNG pola provincia de Lugo, Manuel Parga, sinala que “xogámonos moito en relación cos cambios moi importantes e transformadores que se produciron ao longo destes tres anos e medio en materia de servizos sociais, en materia de vivenda, en materia de medio rural, en materia de aproveitar para Galiza os nosos recursos enerxéticos e poñelos ao servizo do país, das empresas e de todos os galegos e as galegas”.
O BNG sinala que “o que está en xogo é que volva a Galiza do PP, a Galiza dos que din que chegou o momento e que empezamos agora, como si eles non estiveran 16 anos gobernando e non tiveran posibilidade de poñer en marcha moitas das políticas que agora en campaña electoral están a reclamar como meras promesas para engatusar e roubar votos”.
O BNG cumpriu
Parga di que “nós facemos este chamamento desde o aval que nos da o traballo realizado nestes catro nun sentido ben claro: o BNG cumpriu, cumprimos cos traballadores, coas clases populares no sentido de que foron éstes os maiores beneficiarios das nosas políticas e aí está o complemento para o que son os subsidios de desemprego, o que é o complemento para as pensións non contributivas máis baixas. Foron medidas que puxemos en marcha desde o Goberno e polo tanto nun momento de crise económica coma éste non só situamos á creación de emprego coma unha prioridade fundamental senón que tamén, vinculado a esto, o que sí que entendemos é que esas persoas que se queden en situación de desemprego teñen que estar socialmente cubertas”.
Os nacionalistas tamén demandan “o voto das pequenas e das medianas empresas, dos autónomos… no aval e no compromiso de que non houbo problemas de traballadores, non houbo problemas de empresarios que non tivesen atención por parte do Goberno galego e nese sentido tamén aí pensamos que é fundamental transferir liquidez directamente ás empresas para que procesos que son rentables, para que proxectos empresariais que funcionen non queden polo camiño”.
Sanidade, muller e xuventude
Manuel Parga engade que “facemos un chamamento ao voto ás mulleres. Nestes catro anos puxemos en marcha servizos como as galescolas, centros de día, xeriátricos… pedimos o voto para esta xente porque foron precisamente as mulleres ao contar con servizos coma estes o que posibilitou que puideran acceder ao emprego e queremos que o sistema galego de benestar rompa coa liña do existencialismo, que non sexa algo adicado á caridade como entendía o PP ou ao negocio, senón que sexa un servizo público igual que a sanidade e a educación”.
Os nacionalistas “tamén entendemos necesaria unha aposta decidida polos servizos públicos. Pensamos que teñen que seguir sendo universais e hai que avanzar máis aí, sobre todo no que ten que ver coa reducción das listas de espera e na definición dun novo mapa sanitario para A Mariña que se concrete nunha ampliación do Hospital da Costa e na implantación dun servizos de urxencias para Foz. O mesmo facemos en relación cos mozos. É fundamental que a mocidade vote o 1 de marzo porque é a que máis se está xogando. Estáse xogando que o acceso ao ensino non sexa un só luxo para uns poucos como plantexa o deseño definido en Bolonia. Pedímoslle o voto aos mozos para que poidan atopar uns traballos dignos cuns salarios dignos e eso só o garante unha forza transformadora como é o BNG. Tamén lle pedimos o voto aos mozos porque pensamos que teñen que pasar a ser protagonistas das políticas neste país como fixemos desde o Bloque nestes pasados 4 anos, pero que temos que aumentar nos catro anos seguintes”.