BURELA (FNC) .- A responsable de Benestar Social no Concello de Burela, Neves Cando, sae ao paso das acusacións realizadas hai uns días desde o PP relativas á situación da galescola. A Cando parécelle que “os señores Barcia e Balseiro non teñen vergonza e si moita caradura cando fan as declaracións que fan da galescola de Burela. Non teñen nin idea do que están a falar, pero como estamos en campaña veñen para sacar a foto”.
A edil nacionalista engade que “non hai ningún tipo de abandono por parte do Concello, porque cando se produciron as primeiras goteiras os traballadores municipais estiveron alí selando o tellado e non nin goteiras nin filtracións a día de hoxe. Téñolles que lembrar que xa en decembro despois de avisar ao Consorcio Galego se desprazaron a Burela dous técnicos para avaliar os danos e xa naquel momento se anunciou que se repararía a cuberta no verán”.
Neves Cando considera que “parece que o Sr. Barcia non vive en Burela ou máis ben que non se entera do que pasa por aquí. O Sr. Barcia nunca preguntou en ningún pleno por este asunto… si se molestase en traballar por Burela sabería de que estou a falar. Repito que no seu día xa falamos cos pais para dicirlles que sería no verán cando se acometería ese arranxo porque a galescola ten que pechar dous meses e si iso se fai nestas datas ocasionaríalles moitas molestias. Será no verán cando se corrixa a deixadez de case 10 anos do PP á fronte do Concello de Burela, porque aos 2 anos da construción deste centro xa tiña goteiras e xa o BNG naquel momento lle pediu ao PP que lle esixise responsabilidades á empresa constructora”.
A concelleira de Benestar Social envíalle unha mensaxe a X.M.Balseiro “teño que dicirlle que vai predicar ao seu concello, e que constrúa alí unha galescola porque hai moitos pais e nais de Cervo que se veñen vivir a Burela porque alí non contan con instalacións deste tipo”.