O alcalde desprazouse esta mañá cos técnicos municipais ata a rúa Amando Pérez e ordenou que “se demola unha parte importante desta vivenda que aínda que non é municipal si que é para evitar males maiores. Vémonos na obriga de actuar deste xeito e no seu día deberá ser reconstruída e o cargo deberalle ser pasado á propietaria porque aínda que ninguén vive alí estálle afectando ás vivendas lindantes”. Fernando Suárez engade que “polo lado de abaixo aféctalle a un inmoble que é propiedade da Consellería de Vivenda que o está a rehabilitar para vivenda en aluguer para xente nova e da outra parte hai unha casa habitada por unha familia”. O rexedor explica que “nós debemos garantir que nada desta vivenda lles afecte aos inmobles lindantes, por iso pedín que se tomen medidas de estabilización e incluso de apuntalamento cunha serie de estruturas metálicas para garantir que isto non poida ir a máis”.