Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela está satisfeito pola reanudación das obras de acceso ao porto

BURELA (FNC) .- O alcalde de Burela, Alfredo Llano valora de xeito moi positivo a visita que esta mañá cursou á localidade o presidente de Portos de Galicia, Jacinto Parga. Llano sinalou que “entre outras noticias tróuxonos unha que levábamos moito tempo agardando que é que se retoman as obras do acceso ao porto. Levántase polo tanto a suspensión cautelar e agora só queda poñerse a traballar, agardamos que esta sexa a definitiva. É unha obra que todos desexamos ver rematada, é moi singular e moi aproveitada en Burela”.

O rexedor burelés contou tamén que “vimos tamén as obras de ampliación do peirao e neste caso estanse a cumprir os prazos previstos. Desta forma e senón xorden imprevistos esta obra estará rematada en outubro ou novembro deste ano e vai darlle moito xogo ó porto de Burela”. Alfredo Llano e Jacinto Parga visitaron despois os locais dos armadores e “tamén falamos dunha obra que é moi importante para nós porque enlazará a Avenida do Berbés co porto e co pobo. Esta vía vaise ampliar para que poidan circular camións de grandes dimensións por ela, o que favorecerá que as cargas e descargas do peixe sexan máis rápidas. É unha obra que custará uns 865.000 euros”.

Llano considera que “todo esto en conxunto ven determinar que se está apostando moito polo porto de Burela, estáse apostando moito por este concello de tal xeito que en pouco tempo o porto será unha referencia na Cornixa Cantábrica porque estará adicado á pesca, ó comercio e tamén ós deportes náuticos. Esa combinación de factores tamén suporá que se creen novos postos de traballo”.

Exit mobile version