O BNG CREARÁ NA VINDEIRA LEXISLATURA O SUBSIDIO DE PARO AUTONÓMICO COMPLEMENTARIO DO QUE SE PODERÁN BENEFICIAR 60.000 PERSOAS DAS QUE 42.000 SERÁN MULLERES.
Ribadeo, 5 de febreiro de 2009. No encontro sectorial con mulleres celebrado esta tarde en Ribadeo, o nº 3 da candidatura do BNG por Lugo, Manuel Parga, puxo de manifesto que “cando chegamos ao goberno galego o compromiso foi traballar polas efectivas políticas de igualdade entre homes de mulleres e así se constituiu unha área moi importante que foi a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar para facer reales e efectivos eses compromisos”. Parga destacou “as dificultades das mulleres para incorporarse ao mundo do traballo. Temos que ter en conta que a taxa de emprego feminino está no 58’4%, mentras que a media atópase no 65’3% e a taxa de paro das mulleres está 11 puntos por enriba da dos homes”.
Manuel Parga, Dores Fernández e Sandra Acebrás destacaron algunhas das medidas postas en marcha desde o Goberno galego “coma a lei de servizos sociais que foi aprobada por unanimidade ou a creación do sistema galego de benestar porque as grandes beneficiarias de todos os servizos que se crearon para as persoas maiores e para as idades infantís foron as mulleres. Das 1.600 prazas de traballo que se crearon coa posta en marcha de 57 centros de día e das galescolas o 94% foron para as mulleres”. Os nacionalistas tamén fixeron fincapé neste encontro mantido con mulleres en Ribadeo “no complemento das pensións non contributivas xa que o 70% delas foron para as mulleres. E na vindeira lexislatura queremos poñer en marcha o subsidio de paro autonómico complementario para a xente que desgraciadamente cada vez está máis no paro e que afecta en maior medida ás mulleres. Pois ben das 60.000 persoas que poderán percibir este subsidio 42.000 serán mulleres”.
Dores Fernández sinalou que “desde o BNG tamén traballamos pola corresponsabilidade sendo conscientes de que ese é un dos eixos para avanzar e tamén desde o ámbito de fomentar o emprego feminino e a igualdade efectiva dentro do mundo laboral. Queremos avanzar máis consolidando toda esta rede de servizos sociais e de escolas infantís para que cheguen ás vilas e tamén ao medio rural. E quero lembrar que tamén traballamos contra esa grande lacra que é a violencia machista aprobando no parlamento a lei integral contra a violencia de xénero e puxemos en marcha do salario da liberdade e a posibilidade de acceder a unha vivienda de protección en situación de prioridade”. Pola súa banda, Sandra Acebrás suliñou que “nesta lexislatura se multiplicaron por cinco as axudas no fogar”.
Manuel Parga considera que “tres anos e medio foron insuficientes para o que se precisa avanzar no eido da igualdade e se completamos toda esa rede de servizos sociais e de galescolas nos vindeiros anos poderíanse crear 8.000 novos postos de traballo dos 5.000 serían para as mulleres. Os nacionalistas queremos acadar máis forza nas vindeiras eleccións do mes de marzo e polo tanto máis presenza e máis liderazgo no novo goberno galego”.